O Concello de Viveiro fai públicas as normas para as cacharelas de San Xoán

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro, a través dun bando da alcaldesa, María Loureiro, fixo públicas as normas para a celebración das fogueiras de San Xoán e San Pedro, con maiores restricións este ano pola crise sanitaria da Covid-19.
16 Xuño 2020

O Concello de Viveiro, a través dun bando da alcaldesa, María Loureiro, fixo públicas as normas para a celebración das fogueiras de San Xoán e San Pedro, con maiores restricións este ano pola crise sanitaria da Covid-19.

Nesta ocasión, queda prohibida a realización de fogueiras en espazos públicos. Poderán realizarse en espazos privados, debendo respectarse en todo caso as medidas de seguridade e hixiene recomendadas polas autoridades sanitarias.

Ademais, como en anos anteriores, non está permitido queimar aceites, líquidos inflamables, envases con gases, nin outros recipientes ou obxectos que poidan conducir á explosión do seu contido. Prohíbese tamén queimar rodas ou cubertas de goma, plástico ou calquera material derivado de hidrocarburos, así como materiais ou produtos contaminantes ou tóxicos.

Non se poderán facer fogueiras en lugares próximos a tendidos eléctricos, inmobles, depósitos que puidesen conter material inflamable, masas arbóreas ou calquera outro no que poidan crearse situacións de perigo.

Cada fogueira terá un ou varios responsables que deben poñerse en contacto previamente coas oficinas municipais. O prazo máximo para comunicar as fogueiras de San Xoán remata o 19 de xuño e para as fogueiras de San Pedro o 26 de xuño.

0.072235822677612