O Concello de Viveiro forma parte da rede estatal de Bibliotecas en Igualdade

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro forma parte da rede estatal de Bibliotecas en Igualdade
hdr
23 Nov 2020

O Concello de Viveiro asinou a súa adhesión á rede estatal de ‘Bibliotecas en Igualdade’, que pretende recuperar e visibilizar o coñecemento de autoría femenina, saldando desta maneira unha débeda coas mulleres creadoras da historia.

No acto de sinatura participaron a concelleira de Cultura e Muller de Viveiro, Lara Fernández Fernández-Noriega, a secretaria xeral da Asociación Clásicas e Modernas, Marina Gilabert Aguilar, que asinou desde Valencia, e a coordinadora da asociación e do proxecto ‘Bibliotecas en Igualdade’ en Galicia, Mariana Fernández Pérez.

O concello inaugurou hoxe tamén na biblioteca un vinilo cunha creación do artista local e xa internacional David Catá. “É unha obra que leva por slogan ‘De igual a igual’ e que responde a unha nova iniciativa máis ampla, que se chamará ‘Viveiro de Igual a igual’, para traballar en prol de alcanzar a igualdade en todos os aspectos do día a día dos nosos veciños e veciñas; esta acción comeza con converter a nosa biblioteca nun espazo divulgativo igualitario”, explica Lara Fernández.

A obra, financiada polos fondos do pacto de estado, xa se pode gozar na terceira planta da biblioteca pública municipal e o autor a describe así: “Metades. O amor é lealdade, respecto e compromiso, factores que deben ir da man. Esta fotografía, que representa estas características, fainos vernos de igual a igual, fragmentos que forman un todo no que as diferenzas non existen e o un non existe sen o outro. Dúas mans unidas, cosidas a unha á outra para sempre e que representan o símbolo do amor, a unión, a forza e a igualdade”.

O Concello de Viveiro adheriuse un ano máis á campaña ‘En negro contra as violencias’ e ten programadas diferentes actividades para concienciar á veciñanza e dar visibilidade á loita contra a violencia machista.

Ademais das actividades, destaca a concentración silenciosa ‘En Negro’ do próximo 25 de novembro ás 12:00 horas na praza Maior, onde se lerá un manifesto reivindicativo.

“Este ano máis que nunca queremos sumarnos a esta campaña, xa que a violencia de xénero segue aí e incluso producíronse máis situacións e casos preocupantes polo confinamento derivado da pandemia”, asegura a alcaldesa de Viveiro.

Xa que este ano son más complicadas as actividades presenciais,  o concello invita a todos os axentes sociais (comercio, centros educativos, etc) e á veciñanza a participar na campaña En Negro a traves de redes sociais. Na web ennegrocontraasviolencias.gal pódese descargar todo o material. Os hashtag serán #EnNegroContraAsViolencias, #EnNegro2020, #GaliciaEnNegro, #QuerémonosVivas e #NonEstásSoa.

0.38937592506409