O Concello de Viveiro pecha varias instalacións como medida de contención da covid

TerraChaXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro pecha varias instalacións como medida de contención da covid e para adaptarse á última orde da Xunta
20 Jan 2021

O Concello de Viveiro vén de decretar as medidas necesarias para adaptar os servizos municipais ao establecido na Orde e no Decreto publicados no día de onte pola Xunta de Galicia, mediante os que se aplican a este concello o nivel de máximas restricións.

En virtude do mesmo e a maiores das medidas e limitacións que xa viñan sendo de aplicación, o Concello de Viveiro acordou:

  • O peche ao público e a suspensión total das actividades do Teatro Pastor Díaz.
  • O peche ao público da biblioteca municipal.
  • O peche da oficina de turismo.
  • O peche das instalacións deportivas municipais (campos de fútbol e pavillóns).
  • O peche dos centros socioculturais e locais sociais municipais.
  • En todos os espazos públicos de titularidade municipal prohíbese a permanencia de grupos de persoas non conviventes. Esta limitación non será aplicable no caso de actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento. Esta limitación tampouco será de aplicación ás actividades que conten cun aforo específico, a excepción de que expresamente se contemple tal limitación.

Lémbrase, ademais, que se mantén o peche da piscina municipal, dos baños e parques públicos e a suspensión das actividades deportivas, culturais, congresos, conferencias, reunións, ou calquer outro tipo de evento ou actividade que estivese previsto levar a cabo en instalacións municipais, quedando tamén anuladas ou suspendidas as autorizacións e cesións de uso de locais, instalacións ou espazos municipais con efectos para o período de vixencia desta suspensión. Mantense así mesmo pechada, por prevención, a Escola Infantil Municipal, na que deron negativo todas as probas realizadas na aula que permanece confinada.

Por outra banda, lembran que segundo o establecido na Orde de Sanidade a hostelería e restauración permanecerá pechada ao público e poderán prestar exclusivamente servizos de entrega a domicilio ou para a súa recollida no local. A entrega a domicilio poderá realizarse ata as 24.00 horas.

Entre as actividades que tamén permancerán pechadas destacan as actividades culturais, sociais, deportivas, de ocio e entretemento; os cines; os ximnasios; establecementos de actividades recreativas ou centros de lecer infantil.

As novas medidas e limitacións establecidas pola Xunta de Galicia non afectarán ao comercio, que pode permanecer aberto co aforo limitado ao 50%. Da mesma maneira, mantense a celebración dos mercados que teñen lugar no Concello de Viveiro coas restricións vixentes na actualidade.

Finalmente, lémbrase que se continúa mantendo o peche perimetral e o toque de queda ás 22.00 horas.

Dende o goberno municipal pídese os veciños e veciñas de Viveiro a máxima prudencia e o estrito cumprimento das medidas establecidas para superar o antes posible esta complicada situación.

0.1589891910553