O Concello de Viveiro pon en marcha un proxecto de compostaxe doméstica
O Concello de Viveiro pon en marcha un proxecto de compostaxe doméstica destinado á veciñanza que conte cun pequeno terreo no que compostar os seus residuos orgánicos.
O proxecto iníciase despois de que o goberno local constara o crecente aumento dos residuos xerados pola cidadanía. Ademais, o tratamento actual destes residuos non consegue pechar o ciclo da materia orgánica sen un impacto na calidade ambiental da cidade.
O Concello de Viveiro pretende con esta aposta pola compostaxe que os residuos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares. Así mesmo, traballarase con catro centros educativos que dispoñan de comedor e horto ou zona verde.
O programa está dividido en varias fases, comezando cunha inicial de difusión e captación de participantes e continuando con etapas de formación e seguimento do proxecto.
A iniciativa conta co financiamento da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e durará 11 meses. A campaña iniciarase a principios de decembro coa fase de difusión e de solicitude de participantes. As persoas interesadas poden poñerse xa en contacto co Concello de Viveiro.
Unha vez seleccionadas as familias participantes, impartirase unha formación e un período de seguimiento personalizado por parte dos técnicos/as da empresa adxudicataria. Estes expertos/as acompañarán ás familias ao longo do proceso para resolver dúbidas e solucionar problemas, coa fin de capacitalas para que elas soan continúen o proxecto.
Case 300 novas familias e catro centros educativos reducirán residuos unha vez estea implantado o programa, transformándoos en compost para os seus xardíns ou plantas. Ademais, ao reducir os desprazamentos destes residuos ás plantas de tratamento de lixo, estase a provocar unha redución nas emisións de gases de efecto invernadoiro e polo tanto, freando o cambio climático.
Dende o Concello de Viveiro explican que o único requisito para formar parte deste programa é ser veciño/a do Concello, ter un pequeño xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo. Os veciños e veciñas interesadas poden deixar os seus datos chamando ao concello, para que posteriormente a empresa adxudicataria contacte con eles.