O Concello de Viveiro programa actividades para o Día das Letras Galegas
O Concello de Viveiro, a través da Concellaría de Cultura, deu a coñecer a programación organizada para conmemorar o Día das Letras Galegas, dedicado a Ricardo Carvalho Calero.
As circunstancias actuais obrigaron a modificar as actividades previstas inicialmente, entre as que se incluía a obra teatral ‘As pitas baixo a choiva’, para o público infantil, baseada no relato homónimo do autor.
Con todo, o Concello de Viveiro non quixo deixar pasar o Día das Letras Galegas sen ofrecer a todos os veciños e veciñas unha programación deseñada co obxectivo de dar a coñecer a biografía deste persoeiro da cultura galega e conmemorar esta data tan significativa.
Na tarde de hoxe, publicarase nas redes sociais do concello o cartel conmemorativo creado para esta celebración, cunha frase destacada de Carvalho Calero. As actividades organizadas polo concello comezarán o propio Día das Letras Galegas e prolongaranse durante tres xornadas, nas que diferentes personaxes da vida cultural de Viveiro farán unha homenaxe, dende a súa arte, ao autor ferrolá.
Na mañá do domingo 17 de maio, na web e redes sociais do concello publicarase un vídeo, cun conto de Raquel Queizás, realizado en especial para os nenos e nenas de Viveiro.
Ese mesmo día pola mañá, tamén se porá en marcha a outra iniciativa deseñada para os máis pequenos, mediante a que se pretende coñecer as súas palabras favoritas en lingua galega e encher a rede de palabras fermosas, baixo o hashtag #viveirocoasletras; aquelas persoas que non teñan redes sociais tamén se poden sumar a esta iniciativa colgando as súas palabras favoritas nas fiestras.
O domingo pola tarde publicarase un novo video, no que o artista David Catá realizará unha adaptación do Himno Galego. O luns, 18 de maio, pola mañá, subirase ás redes un vídeo no que o Cronista Oficial do Concello de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, realizará unha achega á vida e obra de Ricardo Carvalho Calero; ese mesmo día, pola tarde, publicarase outro vídeo, no que o músico David Bellas, interpretará unha peza da súa autoría.
A celebración deste Día das Letras Galegas rematará o martes, 19 de maio, co vídeo dramatizado sobre Ricardo Carvalho Calero que realizará Suso Martínez.
Cómpre mencionar, ademais, que o nome de Ricardo Carvalho Calero se engadirá ao vinilo existente na Biblioteca Pública Municipal, no que constan os nomes de todos os homenaxeados no Día das Letras Galegas dende o inicio desta celebración, xunto co ano no que se lles dedicou esta importante festividade.
Finalmente, dende o Concello de Viveiro quérese animar a todos os veciños e veciñas a que aproveiten esta celebración do Día das Letras Galegas para achegarse á figura de Ricardo Carvalho Calero, consultando a súa biografía nas moitas plataformas que estes días ofrecen información sobre a súa vida e obra, como, por exemplo, na web da Real Academia Galega.