O Concello de Viveiro quere que os inmobles de Valdeflores e da unión de fabricantes sexan municipais
O Pleno do Concello de Viveiro debatiu dúas mocións que o Partido Popular presentara en relación co edificio da Sociedade de Fabricantes, Conservas e Salazóns do Norte de Galicia, en Celeiro, e o Mosteiro de Valdeflores, en Xunqueira.
Na moción relativa ao edificio da Sociedade de Fabricantes, Conservas e Salazósn do Norte de Galicia, o PP propoñía “que o equipo de goberno faga as xestións necesarias para poder adquirir o local, mediante compra ou cesión, e rehabilitalo para uso e disfrute da veciñanza a través das asociacións deportivas ou culturais do pobo de Celeiro”.
“En caso de que a compra ou cesión non fose posible, que o equipo de goberno inste os seus propietarios á reparación e conservación ao menos da fachada para dar ao entorno a imaxe de pobo pintoresco que se merece”, engadía o texto.
Durante o debate desta moción, o goberno municipal explicou ao pleno da corporación que dende o Concello de Viveiro se levaba máis de un ano traballando neste tema.
Indicouse que consta que a titularidade deste inmoble corresponde a Unión de Fabricantes, da que non se coñece CIF, e que o Concello de Viveiro ten, a día de hoxe, dous procedementos abertos en relación con ese inmoble, un expediente de orde de execución de obras de conservación e outro de investigación de titularidade.
Con respecto ao expediente de orde de execución, explicáronse os trámites realizados e indicouse que, neste momento, está pendente da execución subsidiaria.
En canto ao expediente de investigación, no pleno da corporación explicáronse as xestións realizadas en aras a determinar a propiedade do inmoble, facendo referencia, entre outras cuestións, á existencia dun expediente de dominio sobre este inmoble tramitado no Xulgado de 1ª Instancia e Instrucción nº 1 de Viveiro e dando conta da documentacion recompilada ata o momento.
Finalmente, con respecto a cada un dos puntos do acordo proposto, explicouse que o concello xa está a realizar todos os trámites necesarios para a localización dos propietarios do ben inmoble, indicando que neste momento se están preparando solicitudes ás diversas institucións que poden ter coñecemento da súa titularidade.
Para a adquisición do local faise necesario o coñecemento dos titulares do mesmo, polo que non se pode tomar unha decisión clara en relación ao ben inmoble referenciado mentras non se teñan claros os titulares, tendo en conta que caben diferentes figuras xurídicas en relación co mesmo.
Tras esta exposición e tendo en conta, polo tanto, estes antecedentes, o equipo de goberno propuxo a retirada da moción, que foi votada e aprobada pola maioría simple dos membros da corporación.
Na moción relativa ao Convento de Valdeflores, o PP propoñía "que o equipo de goberno faga todas as xestións necesarias diante da orde propietaria para conquerir a cesión de dito mosteiro o antes posible, e así iniciar un proceso que poida culminar coa titularidade municipal dun dos tesouros máis importantes do noso concello”.
Durante o debate desta moción, explicouse que -igual que no caso anterior- o goberno municipal xa estivera realizando xestións con respecto á situación na que se atopa este inmoble.
Neste sentido, informouse ao pleno que o concello contactara coa Orde Dominica e explicouse que polo que se puido saber, a día de hoxe, parece que non hai intención de ceder o mosteiro e que, en todo caso, este asunto se atopa na Curia Generalicia de Roma. Esta moción foi aprobada por maioría absoluta dos membros da corporación.