O Concello de Viveiro tramitou un total de 50 expedientes para a limpeza de parcelas rústicas
Dende xaneiro de 2018 o Concello de Viveiro tramitou un total de 50 expedientes requirindo a limpeza de biomasa e retirada arbórea en parcelas situadas en solo rústico. Ademais, tramitáronse 70 expedientes de orde de execución requerindo a limpeza de fincas en núcleos e solo urbano; destes 70 expedientes, 46 continúan en trámite, mentres que 24 foron arquivados tras comprobar que os propietarios ou titulares das parcelas realizaran as labores de limpeza requiridas.
Neste momento, estanse a tramitar outros 3 expedientes para a execución subsidiaria, por parte do concello, da limpeza de fincas en núcleos ou solo urbano por descoñecemento do titular ou por imposibilidade de notificación. Polo mesmo suposto -descoñecemento e imposibilidade de notificar aos propietarios-, en 2018 o concello xa executara subsidiariamente a limpeza de dúas parcelas, tamén en solo urbano.
O 28 de decembro de 2017 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, na que, entre outras cuestións, se realizou unha modificación da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Esta modificación afectou aos artigos 21 e 22 da Lei 3/2007; co fin de explicar á veciñanza os cambios referidos e as súas obrigas como propietarios/titulares de parcelas, o concello publicou o 27 de abril de 2018 un bando, que foi distribuído por todo o municipio. Entre a información referida, lembrábase que as persoas que resulten responsables consonte o artigo 21 ter procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especias arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano.
A entrada en vigor das modificacións referidas supuxo un aumento considerable dos expedientes a tramitar polo concello, nos que se inclúen os expedientes incoados a partir de denuncias veciñais, aqueles que son tramitados de oficio e aqueles expedientes que son remitidos pola Consellería de Medio Rural e o Seprona, tamén a partir de denuncias veciñais ou a partir de denuncias de oficio de ambas administracións.