O Concello de Xermade impulsa un programa de envellecemento activo polas parroquias co patrocinio da Deputación

TerraChaXa
O Concello de Xermade impulsa un programa de actividades a favor do envellecemento activo financiado pola Deputación de Lugo que se desenvolverán entre novembro deste 2017 e xuño do 2018 en catro parroquias -Xermade, Roupar, Momán e Piñeiro- con preto de 60 persoas participantes.
O deputado de Deportes, o alcalde e a concelleira de Benestar en Xermade presentaban o programa de envellecemento activo
15 Nov 2017

O Concello de Xermade impulsa un programa de actividades a favor do envellecemento activo financiado pola Deputación de Lugo que se desenvolverán entre novembro deste 2017 e xuño do 2018 en catro parroquias -Xermade, Roupar, Momán e Piñeiro- con preto de 60 persoas participantes.

As clases de pilates desenvolveranse na Casa da Xuventude de Xermade os luns de cinco e media a seis e media, entre as sete e as oito no local da AMMRR de Roupar e AVV San Estevo de Roupar, os martes de oito e media a nove e media no local da AMMRR de Momán e os mércores entre as nove e media e as dez e media no local da Asociación Veciñal de Piñeiro.

O rexedor local, Roberto García Pernas, agradecía durante a presentación da programación acompañado da concelleira de asuntos sociais, benestar e mocidade, Tamara Balsa, a colaboración do ente provincial para levar a cabo esta programación dirixida especialmente "á xente maior do rural co obxectivo de ofrecerlles actividades para as longas noites de inverno e, ademais, aproveitar para facer exercicio físico".

Pola súa banda, o deputado de Deportes, Pablo Rivera, apuntaba que "todas estas actividades demostran o interese da veciñanza e o esforzo do Concello e os seus traballadores por achegar distintas propostas deportivas e culturais á poboación" porque “Xermade é un pobo rural con vida ao que debemos favorecer espazos e oportunidades dinamizar a actividade social e fomentar, ao mesmo tempo, un estilo de vida saudable”.

Ese é o obxectivo do programa municipal de envellecemento activo que a Deputación de Lugo leva ao resto da provincia a través das súas asociacións baixo o nome de "Mo-Vémonos" proporcionando monitores de actividades deportivas para manter a saúde física e mental das persoas participantes.

O programa de envellecemento activo non é a única proposta no eido deportivo que se beneficia da achega de 8.000 euros do Plan Único da Deputación ao Concello de Xermade; senón que, no último ano, ten contribuído a promover o deporte entre os veciños da localidade a través de varias actividades como a Copa Concello de Xermade, a Carreira Popular da vila ou a Pedalada Solidaria.

Outras actividades socioculturais
O Concello de Xermade ten previstas outra serie de actividades sociocomunitarias polas parroquias de todo o concello co obxectivo de dinamizar o rural e ofertar cursos e actividades dirixidos á poboación en xeral.

A concelleira Tamara Balsa explicaba que “despois de pasar enquisas a toda a nosa veciñanza os cursos que axuntamos son algúns dos que máis se demandaron, entre eles o de pilates financiado grazas á Deputación. Ademais, estanse levando a cabo informática e redes sociais, costura, pandereta, e proximamente comezaremos con dous cursos de xabóns e cremas, almorzos saudables, manexo de móbiles, fotografía, bricolaxe pequenos amaños, xardinería creativa, arreglos florais, restauración e manualidades, autoprotección para mulleres, estimulación cognitiva e risoterapia, entre outros”.

- Costura: A. MM.RR de Roupar. Sábados cada 15 días. De novembro a xuño.
- Pandereta: A. MM.RR. de Roupar. Luns, de 10 a 11:30 horas. De novembro a xuño.
- Arreglos florais: Xermade.
- Curso de autoprotección para mulleres: Xermade. Dous días, 2 horas diarias.
- Bricolaxe: Xermade.
- Elaboración de xabón e cremas: A. VV. Do Campo de Roupar.
- Cestería: A. VV. Do Campo de Roupar.
- Restauración e manualidades: A. VV. De Roupar.
- Iniciación á fotografía dixital: A. VV. De Cabreiros.
- Informática e redes sociais: A. VV. De Cabreiros.
- Almorzos sénior: Momán, 1 día, dúas horas. Charla sobre alimentación saudable.
- Curso de utilización do móbil: Momán, 1 día, dúas horas.
- Memoria: A.VV. De Piñeiro.
- Xardinería Creativa: Xermade (nos xardíns das persoas anotadas)

0.17015600204468