O Concello de Xermade incorpora novo persoal para reforzar as obras e servizos municipais

O Concello de Xermade vén de formalizar a incorporación de novo persoal funcionario interino ao abeiro do programa Reforzo do Emprego do Plan de Cooperación cos Concellos 2025, financiado pola Deputación de Lugo. O nomeamento realizouse na xornada de onte e permitirá fortalecer os servizos municipais vinculados ás obras e ao mantemento de espazos públicos.
En concreto, incorporáronse catro operarios de edificación e obras públicas, que desenvolverán o seu labor entre o 17 de decembro de 2025 e o 31 de outubro de 2026. Este reforzo de persoal permitirá ao Concello acometer actuacións de rehabilitación, conservación e mellora de infraestruturas e zonas de uso público, contribuíndo a unha mellor prestación dos servizos á veciñanza.
O investimento total destinado a estas contratacións ascende a 83.171,05 euros, un importe que será financiado na súa totalidade con fondos provinciais. Desde o goberno local salientan a importancia deste tipo de programas de cooperación, que facilitan aos concellos pequenos e medianos contar con recursos humanos suficientes para dar resposta ás necesidades do día a día e avanzar na mellora do municipio.