O Concello de Xermade organiza un curso gratuíto de Primeiros Auxilios para a cidadanía

TerraChaXa
Este curso está dirixido a coidadores e cidadanía, e ten como obxectivo principal dotar á poboación de coñecementos básicos para actuar ante situacións de emerxencia
Primeiros auxilios
17 Apr 2025

O vindeiro 24 de abril de 2025 ás 16:00 horas, a Escola de Momán, en Xermade, acollerá unha formación gratuíta en Primeiros Auxilios, organizada polo Concello de Xermade, en colaboración con ACIS (Axencia de Coñecemento en Saúde) e AFALU.

Este curso está dirixido a coidadores/as e á cidadanía en xeral, e ten como obxectivo principal dotar á poboación de coñecementos básicos para actuar ante situacións de emerxencia, así como aclarar dúbidas frecuentes sobre os primeiros auxilios.

Durante a sesión abordarase a atención inicial nas urxencias máis habituais, como saber realizar correctamente unha chamada ao 061, o recoñecemento do protocolo de actuación ante unha emerxencia, e un recordo anatómico básico para facilitar a comprensión das intervencións.

Tamén se explicarán técnicas de reanimación cardiopulmonar básica (RCP), incluíndo como actuar ante atragantamentos e identificar unha parada cardiorrespiratoria (PCR), xunto con outras emerxencias que poden xurdir no día a día.

As persoas interesadas poden inscribirse a través dos Servizos Sociais de Xermade, enviando un correo a afalu@afalu.org ou chamando ao 607 843 384.

⚙ Configurar cookies
0.17220711708069