O Concello de Muras denuncia o proxecto de mellora da LU-540 por irregularidades

TerraChaXa
Solicitou varios pasos en altura, un túnel e cambios na fisonomía de varios carrís
muras-estrada-proxecto
8 Jan 2025

O Concello de Muras presentou un contencioso administrativo contra a Xunta de Galicia polo proxecto de mellora da estrada LU-540, entre Viveiro e Cabreiros. Segundo expón, esta obra non se axusta á normativa en materia de seguridade e tampouco incorporou as alegacións que fixo o Goberno local ao proxecto cando este estivo en exposición pública.

Afirman que algunhas das medidas que se presentan implican unha división pola metade do Concello deixando incomunicadas ambas partes. Ademais, núcleos de poboación quedan tamén divididos.

O Concello solicitou no seu momento que se tivera en conta a construción dun futuro polígono industrial para deixar preparados os accesos “e obviouse esa cuestión no proxecto”, explica o alcalde. Tamén se solicitou un paso inferior á altura dos terreos onde se celebra a Feira do Poldro para poder manter a seguridade vial na zona. O mesmo pasou no lugar de Furco, que se solicitou un paso en altura para que os gandeiros puideran pasar o dun lugar ao outro.

Outra das queixas que se presentará é relativa á saída a vía desde Muras, que non ten o tamaño que se esixe por normativa para manter a seguridade da incorporación, xa que resulta moi curta. O proxecto incorpora tamén carrís de adiantamento que son incompatibles con manter a xeometría actual.

Reclaman como medidas engadidas o acondicionamento dos camiños de servizo e treitos como vías de servizo, creando unha circulación de tipo local fora da LU-540 en condicións de seguridade; así como a ampliación dos pasos inferiores para uso de vehículos e pasos de fauna.

0.16850614547729