O Concello e as catro farmacias de Ribadeo poñen en marcha a campaña Mascarilla 19

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
26 Mar 2020

O Concello e as catro farmacias da vila poñen en marcha a campaña Mascarilla 19 para prestar atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Aquelas persoas que estean a ser obxecto de agresións nos seus domicilios neste tempo de confinamento, que aproveiten algunha saída para achegarse á farmacia máis próxima e pronunciar as palabras Mascarilla 19. Neste momento activarase o protocolo de violencia de xénero do Concello de Ribadeo e daráselles toda a axuda que precisen. A concelleira de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra, anima á cidadanía a denunciar calquera caso que detecten entre os seus veciños.

A edil ribadense dixo que “desde a Área de Igualdade do Concello e a Mesa Institucional viñemos analizando estes días, nos que estamos todos recluídos nas casas, os riscos que suporía para aquelas mulleres que son vítimas de violencia de xénero nos seus propios fogares, que están convivindo cos agresores. Incluso estábamos moi preocupados e preocupadas polos índices, que poderían ir en aumento, ao ter esa relación de convivencia tan estreita”.

Mariluz Álvarez Lastra explicou que “de aí que desde o Concello de Ribadeo, en colaboración coas catro farmacias que existen na nosa vila, e tomando como referencia unha iniciativa do Instituto Canario de Igualdade que nos deron o seu permiso para facelo, imos iniciar  desde hoxe unha campaña que queremos anunciar a toda a cidadanía, a todas aquelas mulleres que o estean a sufrir, que sexan vulnerables, a todas aquelas persoas a nivel social que sintan no seu edificio, que vexan ou que poidan ser coñecedoras deste tipo de condutas ou agresións neste momento, para poder atallalo que vaian á súa farmacia máis próxima ou coa que teñan máis confianza e que digan a palabra Mascarilla 19”.

A concelleira de Igualdade subliñou que “con esa palabra Mascarilla 19 o persoal das farmacias sabe perfectamente o que ten que facer. Trátase de tomar os datos de referencia e inmediatamente chamarán ás forzas de seguridade e ao teléfono que temos no Centro de Información ás Mulleres e activarase o protocolo de protección a vítimas de violencia de xénero do noso Concello”.

Álvarez Lastra insistiu: “como ben digo a partir de hoxe en Ribadeo, desde o Concello en colaboración con todas as farmacias, poñemos en marcha a campaña Mascarilla 19. Todas aquelas mulleres ou aquela cidadanía que sexa coñecedora dalgún caso de persoas que poidan estar sufrindo agresións no seu domicilio, que poida haber un incremento desa violencia  ou que sintan o perciban algo, que poñan en salvagarda a súa vida e que dean a coñecer estas situacións para que non se sintan soas. Trátase de ir á farmacia máis próxima e dicir Mascarilla 19. Neste momento o persoal das farmacias sabe cómo actuar e poñerase en marcha o protocolo de violencia de xénero que existe no Concello de Ribadeo”.

Para a edil nacionalista “tan importante como a Área de Servizos Sociais e tan importante como que teñamos os servizos básicos a nós parécenos fundamental tamén traballar desde esta Área de Igualdade e protexer ás nosas mulleres, ás nosas crianzas e pasar a situación nestes momentos da mellor maneira posible e sobre todo extremar as medidas de precaución. Como ben digo a palabra clave é Mascarilla 19”.

Mariluz Álvarez agradece a colaboración das farmacias de Ribadeo para participar nesta iniciativa.

0.18896889686584