O Concello entrega as axudas do programa As Pontes Emprende a 20 proxectos
O Concello das Pontes, a través do programa de axudas municipais para a creación de empresas, As Pontes Emprende, amosa, por cuarto ano consecutivo, o seu compromiso coa actividade emprendedora no municipio, impulsando a posta en marcha de novos proxectos empresariais.
Esta tarde, a concelleira de Emprego, Ana Pena, foi a responsable de facer entrega destas achegas, cun investimento total de 50.584,32 euros, aos 20 emprendedores e emprendedoras que, durante o ano 2018, puxeron en marcha as súas propias empresas no municipio.
Pena, durante este acto, fixo fincapé na boa marcha deste programa de axudas destacando que “desde a súa posta en marcha, no ano 2015, o Concello realizou un investimento de case 178.000 euros e 68 proxectos se beneficiaron destas achegas, permitindo a creación de 93 postos de traballo”.
Por outra banda, a edil remarcou que “esta iniciativa tivo moi boa acollida desde un primeiro momento no 2015 e, o que é máis importante, os resultados son moi bos despois de catro anos, consolidando case o 80% dos proxectos impulsados polo programa e xerando emprego, que é o obxectivo final”.
As iniciativas que se beneficiaron desta liñas de axudas municipais pertencen a todos os sectores empresariais, atopándose entre eles un proxecto de agricultura ecolóxica, una empresa de informática, un estudo fotográfico, cinco proxectos comerciais, tres establecementos hostaleiros, un centro de estudos, unha empresa de consultaría así como una empresa de carpintería metálica, unha empresa de montaxe e soldadura e unha carpintería de madeira.
Con respecto ao perfil das persoas beneficiarias, a edil de emprego puxo de manifesto o carácter emprendedor das mulleres pontesas, xa que “nesta convocatoria 13 proxectos están liderados por mulleres, as súas iniciativas permitiron crear 33 postos de traballo, un dato que nos enche de optimismo ante as dificultades que, de forma xeral, teñen para acceder ao mercado laboral”
Durante este acto, Pena tamén amosou o compromiso do Concello das Pontes para continuar coma mesma liña de traballo, “desde o goberno local adoptaremos, dentro das nosas competencias, todas as medidas oportunas para fomentar a capacidade creativa e emprendedora dos nosos veciños e veciñas. Son unha fonte de riqueza e un elemento esencial para o crecemento, a competitividade e a modernización do tecido empresarial local. Contribúen ao sostemento da economía local e que xeran centos de postos de traballo.”