O Concello estuda denunciar ao delegado da Xunta por "acusacións falsas" na polémica da Feira do Capón
O Concello de Vilalba anunciou que estudará emprender accións legais contra as acusacións falsas que o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, vén de realizar ao respecto da declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico de Galicia.
Aseguran nun comunicado que o Concello de Vilalba non desistiu do procedemento en ningún momento "e a resolución da Axencia de Turismo de Galicia amosa que son eles quen dan por desistido ao Concello". E engaden que o goberno local "non permitirá que se lle siga atacando con argumentos baseados na mentira".
Explican os socialistas que ao Concello de Vilalba requiríuselle a data de 5 de setembro de 2024 a achega de documentación complementaria, cuestión que se fixo efectiva sendo entregada o día 23 dese mesmo mes; "feitos que se poden demostrar e que constan na propia resolución".
"A documentación enviada á Axencia de Turismo estaba incluída no expediente que se levou a pleno e que os representantes do Partido Popular de Vilalba apoiaron co seu voto a favor, sen que formulasen ningunha obxección ao respecto", engaden.
Consideran que "as acusacións de ineptitude" que vén de facer o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, non atacan á alcaldesa, "senón ao persoal do Concello que dedicou o seu tempo e esforzo a redactar os informes e recompilar a información necesaria para enviar o expediente da solicitude á Axencia Galega de Turismo".
Indican que o Concello de Vilalba non quere seguir alimentando a polémica xerada arredor desta cuestión, "senón acadar o seu obxectivo: a declaración da Feira do Capón como Festa de Interese Turístico de Galicia".
"É por iso que dende o Concello xa se traballa na elaboración do expediente para presentar unha nova solicitude. Ademais, a alcaldesa tamén ten solicitada unha reunión co director de Turismo de Galicia para abordar esta iniciativa, posta en marcha polo actual goberno local de Vilalba e non impulsada previamente por ningún dos gobernos que o precedeu", conclúen.