O Concello mellorará varias vías na parroquia vilalbesa de Alba
O Concello de Vilalba xa ten listo o proxecto para acometer varias actuacións de renovación e conservación de diferentes vías de titularidade municipal na parroquia de Alba, que comunican distintos núcleos de poboación entre si e coa estrada N-634.
Concretamente, os traballos acondicionarán os camiños municipais 065_121, 065_024 e 065_379, que son os viais que comunican entre si e tamén coa N-634 os núcleos de Alba, Abadín, Coea e A Costa.
Estas vías vertebran, xunto cun gran número de tramos municipais, o territorio da parroquia de Alba, dando acceso ás vivendas, explotacións e parcelas distribuídas ao longo de toda a parroquia.
O continuo uso destas vías, así como as condicións meteorolóxicas e o paso do tempo, provocaron que os noiros das estradas estean saturados de terra vexetal, perdendo a súa forma e uso. Estas eivas provocan que as augas pluviais non se evacúen da plataforma da estrada, xerando danos sobre a capa de rodadura que se incrementan polo desgaste sufrido co paso dos vehículos.
Dada a situación actual destes tramos, coa intención de reducir o seu deterioro e mellorar a seguridade viaria tanto dos peóns como do tráfico rodado, o Concello de Vilalba decidiu proceder a realizar os traballos pertinentes de acondicionamento e mantemento.
Para acondicionar o vial e as súas ramificacións, proponse a apertura e limpeza de noiros, unha das tarefas fundamentais xa que é a principal causa de deterioro da vía. Ademais, regularizarase o bacheo con tratamentos de bituminoso semiprofundo e renovarase a súa superficie de rodadura. Por último, procederase á sinalización dos camiños.
Os traballos, aos que o Concello de Vilalba destinará un orzamento de 68.000 euros, teñen un prazo de execución dun mes.
“O estado de conservación dunha vía é fundamental para a seguridade do tráfico, por iso dende o Concello de Vilalba impulsamos este tipo de traballos tanto no ámbito urbano como rural, dando resposta ademais ás demandas veciñais”, afirma Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.