O Concello de Vilalba prepara a construcción de dez puntos de recollida de plásticos e de tres depuradoras

TerraChaXa
O Concello de Vilalba porá en marcha o próximo ano dez ou doce puntos de recollida de plásticos, que se sumarán aos tres que xa ten en marcha nas parroquias de Insua, Alba e Codesido, que entrarán en funcionamento en próximas datas.
1 Abr 2018

O Concello de Vilalba porá en marcha o próximo ano dez ou doce puntos de recollida de plásticos, que se sumarán aos tres que xa ten en marcha nas parroquias de Insua, Alba e Codesido, que entrarán en funcionamento en próximas datas.

Así o anunciou o alcalde da localidade, Agustín Baamonde, quen indicou que en cada parroquia se están a facer negociacións diferentes dependendo das preferencias dos usuarios deste servizo o que está a retrasar a posta en marcha destes lugares.

Segundo explica o alcalde, o principal problema co que se atoparon foi a propiedade dos terreos onde se van ubicar estes puntos de recollida, que son maioritariamente terreos das parroquias. "Ao non ser terreo público hai que facer unha cesión da titularidade ou buscar outros mecanismos para que Contratación non poña problemas no proceso", engade. Por isto, o Concello ten previsto firmar un convenio coas asociacións de veciños destas parroquias para que lles den o dereito de uso e poder facer o punto de recollida nas condicións que se acorden.

O obxectivo municipal é que as 29 parroquias do concello de Vilalba conten polo menos con un punto de recollida de plásticos.

DEPURADORAS

Ademáis, o Concello de Vilalba promoverá a construción de tres novas depuradoras de augas residuais nas zonas rurais que estarán localizadas nos lugares de Martiñán (Corbelle), Sixto (Sancovade) e Goiriz.

No caso de Goiriz e Martiñán trátase dunha substitución das xa existentes, que quedaron obsoletas xa que databan de máis de 25 anos. Actualmente están en fase de redacción ditos proxectos. No tocante a Sixto as instalacións serán de nova construcción e o proxecto, que xa está redactado, conta xa con todos os permisos. O que lle falta ao Concello é atopar os terreos idóneos para esta instalación.

0.08878493309021