O Concello de Guitiriz prorroga a suspensión do pago da taxa das terrazas
O Concello de Guitiriz levará ao pleno do próximo xoves, 25 de marzo, un acordo para prorrogar de cara ao ano 2021 a suspensión da taxa que deben pagar os hostaleiros pola instalación das súas terrazas.
Desde o inicio da pandemia, no ano 2020, os hostaleiros do municipio xa estaban exentos de pagar este tributo tipificado na ordenanza número 16 pola ocupación de terreos de uso público con mesas, cadeiras, tribunas, tablados e outros elementos análogos con finalidade lucrativa.
O obxectivo do goberno local é o de redactar e aprobar proximamente unha ordenanza específica para as terrazas para que entre en vigor de cara ao ano que vén e poder regularizar así a súa situación, xa que esta actualmente non existe.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, explicou que “o que pretendemos con esta medida é seguir axudando, na medida das nosas posibilidades, a un sector como a hostalería, tan afectado polas restricións que marca a situación sanitaria”.