O Concello das Pontes recibe o Poboado das Veigas trala obra de urbanización

TerraChaXa
Espera que a venda das vivendas supoña a mobilización dun investimento público-privado de, como mínimo, 15 millóns de euros
recepcion-poboado-das-veigas
20 Mar 2025

O concello das Pontes e Endesa asinaron onte, no salón de plenos municipal, a acta de recepción oficial do Poboado das Veigas, unha vez finalizado o proxecto de urbanización do ámbito.

Durante este acto, no que estivo presente o alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, xunto ao concelleiro de Urbanismo, Manuel Rodríguez, e representantes da asociación veciñal As Veigas, o rexedor local apuntou que “é un día moi importante para As Pontes, no que damos un paso máis nun longo camiño, iniciado fai máis dunha década, en coordinación coa asociación veciñal, para lograr que os veciños e veciñas do Poboado das Veigas teñan os mesmos servizos e dereitos que o resto dos ponteses e pontesas”.

“Hoxe recibimos unha parte do Poboado das Veigas, os viarios, as zonas comúns e as zonas verdes, dando concreción ao convenio urbanístico asinado no ano 2016 mediante o que se acordou que Endesa debía realizar o investimento necesario para a renovación deste ámbito urbanístico. Hoxe recibimos un poboado renovado, moderno e preparado para poder segregarlo e parcelarlo. Un poboado listo para concluír un proceso que ten como último fin vender as vivendas aos seus inquilinos, xeracións de ponteses e pontesas que levan moitos anos vivindo en elas” agregou González Formoso

Nese sentido, o alcalde avanzou que “aínda queda moito traballo por facer, pero en calquera caso, desde o Concello das Pontes traballaremos para garantir que os prezos sexan razoables e que se vendan aos inquilinos actuais, tal e como reflicte o convenio orixinal”

Unha vez concluído o acto de recepción das zonas verdes, zonas comúns e viarios do Poboado das Veigas representantes do Concello das Pontes e de Endesa desprazáronse ata o LAR para informar aos veciños e veciñas de como se desenvolverá o proceso de venda, que en palabras de González Formoso “entendemos que é un gran paso, un contrato de promesa de venda cos actuais inquilinos que lles dará opción de asinar un documento entre ambas as partes, Endesa e inquilinos, que permitirá garantir, cando se cumpran unha serie de requisitos legais e urbanísticos, que poidan ser propietarios últimos das vivendas e converterse en titulares inscribibles no rexistro da propiedade; o importante para nós é garantir os dereitos dos propietarios, igual que se fixo co resto dos propietarios de todos os poboados que pertenceron a Endesa”.

Finalmente, o rexedor local fixo fincapé no impacto que a venda das vivendas do Poboado das Veigas terá sobre a economía local, “entendemos que vai xerar unha mobilización de investimento público-privado moi importante de, como mínimo, 15 millóns de euros. Moitas destas vivendas, están nun estado que require investimentos para a súa mellora e esta circunstancia vai favorecer a todo o tecido empresarial vinculado á construción que hai no noso pobo”.

⚙ Configurar cookies
0.13831686973572