O Concello de Castro de Rei rehabilitará a escola unitaria de Azúmara para local social

O Concello de Castro de Rei asinou un convenio con Agader para rehabilitar e acondicionar como local social a antiga escola unitaria de Azúmara, á que destinarán un importe total de 86.992,48 euros, dos que o Concello achegará 17.398, 50 e a Axencia Galega a cantidade de 69.593,98 euros.
O edificio, que se atopa actualmente en estado de ruína, só conta cos muros de mampostería perimetrais, xa que a súa cuberta foi retirada a comezos da década de 1990 para ser destinada á rehabilitación da cuberta da Igrexa Parroquial.
Os traballos consistirán inicialmente na limpeza do edificio principalmente a vexetación, limpeza dos muros de cachotería ordinaria, substitución dos elementos deteriorados tales como linteis e recuperación dos elementos orixinais do edificio, así como a colocación dun novo pavimento interior.
Tamén farán a cubrición do edificio recuperando a solución orixinal do mesmo, con cuberta de madeira e lousa do país a dúas augas, e posteriormente distribución e acabados para destinala a usos sociais.
Dende o Concello valoran moi positivamente esta achega, "xa que era un uso moi demandado por veciños e veciñas da parroquia de Azúmara, que carecían dun local social para celebrar reunións, asembleas e mesmo xuntanzas gastronómicas ou semellantes".