O Concello remata as obras de acondicionamento da nova ruta Pastoriza Mar Verde

O Concello da Pastoriza rematou as obras de acondicionamento da nova ruta de sendeirismo denominada Pastoriza Mar Verde, que parte da vila e percorre distintas localizacións como Saldanxe, Crecente, Miñoto e o Castro de Saa en Baltar. Esta iniciativa, financiada integramente pola Xunta de Galicia cun investimento superior aos 28.000 euros, busca fomentar o turismo e poñer en valor o patrimonio cultural da zona.
O obxectivo do Concello é conseguir que esta ruta sexa circular e poder voltar así ao punto de partida, "para a comodidade dos usuarios", tal e como explicou o seu voceiro, Marcos García Lombardero, quen aseguró que se "está traballando no proxecto".
A ruta, de 9,5 quilómetros de lonxitude e cun nivel de dificultade medio-baixo, inicia o seu percorrido na Barreira da Pastoriza, preto do lugar onde se construirá unha área de caravanas para atraer visitantes. O itinerario atravesa o centro da vila, permitindo que os camiñantes poidan facer unha pausa para tomar un café ou realizar compras, favorecendo así o comercio local.
A continuación, o traxecto levará ata Saldanxe, onde se poderá visitar unha capela e unha antiga ponte, pasando tamén xunto á piscifactoría da zona. Posteriormente, a ruta proseguirá cara a Baltar, onde se atopa outra capela, finalizando no emblemático Castro de Saa.