O Concello renovará o alumeado no campo de fútbol de Friol
As obras que se van levar a cabo para renovar as luminarias do campo de fútbol de Friol e o seu entorno, reducirán en mais de un 40% o seu consumo.
As obras proxectadas polo Concello de Friol para levar a cabo esta instalación de aforro e eficiencia enerxética na iluminación pública exterior do campo de fútbol e o entorno do mesmo ascenden a case 100.000 €, que serán subvencionadas pola Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia da Deputación.
Na actualidade o alumeado existente no campo de fútbol de Friol, na rúa de acceso, e no mercado gandeiro, encóntrase en condicións moi deficitarias, con luminarias con un elevado consumo de enerxía eléctrica, polo que leva ao concello a ter que asumir un elevado coste económico.
Estes traballos no campo de fútbol veñen dados tamén debido ás peticións que dende todos os club de fútbol do pobo veñen solicitando dende fai un tempo, debido á mala calidade lumínica da instalación actual, que fai que os partidos que se teñen que disputar en días ou en horarios con pouca visibilidade, provoque as queixas dos árbitros e dos equipos rivais.
Con este proxecto vaise realizar a renovación do alumeado existente, colocando novas luminarias e proxectores de tipo LED de menor potencia, con dobre nivel, realizarase a instalación de un descargador de tensión e unha nova toma de terra en cada cadro de protección e mando existente.
Para dar cumprimento á normativa de NIDE de iluminación en campos de fútbol e realizar a iluminación adecuada é necesario substituír os postes de formigón existentes de 11 metros de altura por unhas torres de iluminación de 15 metros para colocar os proxectores led.
En canto ao mercado gandeiro realizarase a substitución dos proxectores existentes por outros máis eficientes en led.
Con estes traballos, cos que se incrementará en mais de un 30% o número de puntos de luz existentes, e cos que será moito menor a potencia consumida en quilovatios, conseguirase que o consumo enerxético, e polo tanto os custos, se vexan reducidos en mais de un 40%.
O Concello de Friol continúa así na súa labor de renovar todas as luminarias do alumeado público, para conseguir reducir costes enerxéticos, reducir costes de mantemento, mellorar a calidade lumínica, reducindo polo tanto as emisións de CO2 e outros gases invernadoiro, e concienciar, na medida do posible, á poboación, do aforro enerxético que se consigue no alumeado público e que tamén poden conseguir nos seus fogares ou negocios.
O alcalde popular, Jose Ángel Santos, di que “consideramos que estes traballos de cambio de luminarias no alumeado público, para os cales aproveitamos as subvencións que podemos solicitar, son moi importantes para aforrar tanto en consumo enerxético como en cartos das arcas municipais, xa que as facturas de enerxía se ven reducidas notablemente, polo tanto, seguiremos con esta labor ata que consigamos o cambio do 100% das luminarias”.