O Concello reurbanizará a contorna do castelo de Parga
O Concello de Guitiriz encargou a realización dun proxecto co obxectivo de reurbanizar e poñer en valor a contorna do castelo da Pobra de Parga, un ben patrimonial que ademais se atopa no itinerario do Camiño de Santiago.
A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, reuniuse onte coa Directora Xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para coñecer as posibles liñas de financiación para este proxecto, que se executará en distintas fases e que en total suporá un investimento de preto de 400.000 euros, e tamén outras que permitan desenvolver o Plan Xeral de Guitiriz.
A actuación na contorna do castelo da Pobra de Parga inclúe a renovación do pavimento da Costa da Cruz e da rúa da Pobra por outro de formigón desactivado, máis acorde coa contorna rural que atravesa; a construción do firme no fondo da praza do Santo Estevo e no camiño do castelo; e a mellora integral da praza, renovando o pavimento en mal estado, redefinindo os seus límites e facendo unha inserción adecuada de tapas de arquetas e outros elementos das redes de servizo.
Ademais, tamén está previsto o soterramento das redes de telefonía e electricidade e a instalación de árbores e mobiliario urbano como bancos, novos indicadores e un novo sistema de iluminación pública.