O Concello saca a licitación a renovación da rede de abastecemento na rúa vilalbesa de Chao Ledo
O Concello de Vilalba informa da licitación dos traballos de renovación na rede municipal de abastecemento de auga na rúa José Mª Chao Ledo, ademais da substitución das beirarrúas.
As obras realizaranse na rúa José María Chao Ledo, no centro de Vilalba, que é unha das súas principais arterias, ademais dun dos principais accesos ao casco urbano.
A rede de abastecemento sofre actualmente continuos problemas de roturas e falta de presión debido ao estado das tuberías existentes. Para o seu acondicionamento, proponse a renovación das canalizacións, das válvulas e das acometidas.
As canalizacións que se pretenden acondicionar atópanse baixo o pavimento das beirarrúas desta vía, o que implica tamén a súa renovación. Ditas beirarrúas atópanse moi deterioradas, con roturas, baldosas levantadas e firmes deslizantes. Polo tanto, proponse a súa renovación completa, incluíndo a substitución dos bordos e a construción dunha rígola de formigón que facilite a evacuación da auga cara os sumidoiros existentes.
Por último, as canalizacións do alumeado público tamén se verán afectadas, polo que se procederá á substitución do cableado eléctrico.
As obras contan cun orzamento de 78 000 euros e un prazo de execución de dous meses. Estes traballos de renovación da rede municipal de abastecemento de auga súmanse aos xa adxudicados polo Concello de Vilalba nas rúas Calvario e dos Pepes, tamén no casco urbano.
“A renovación da rede é fundamental para incrementar a súa capacidade e garantir o seu funcionamento. Ademais, os peóns poderán desfrutar da reforma do firme das beirarrúas”, explica Luis Fernández, concelleiro de Infraestruturas de Vilalba.