O Concello solicitará ao IDAE un cambio de 203 luminarias a Led en rúas de Vilalba
O equipo de goberno vilalbés vén de anunciar que solicitará do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) financiamento para o cambio de cableado e renovación de 203 luminarias. Para optar a esta subvención do organismo que depende do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o Executivo local presentará un proxecto coa correspondente auditoría para a renovación, aforro e eficiencia enerxética do alumeado exterior dalgunhas rúas, que implica un custo total de 185.000 euros, dos que o IDAE aportaría o 80% e o Concello o 20%.
Esta renovación do alumeado, que pasará a ser Led, levarase a cabo na Rúa de Foz, Campo de Puente, Rúa de Muras, e tamén nos barrios de Corvite e Camporredondo, ata o polígono industrial. Con esta iniciativa, que suporía un aforro anual de preto de 11.000 euros e que se pide por vez primeira desde o Concello de Vilalba, “queremos fomentar o aforro enerxético, adecuar as instalacións existentes ao Reglamento de eficiencia enerxética en instalacións de alumeado exterior substituíndo as luminarias existentes por Led, substituíndo tamén os soportes e columnas deterioradas así como as derivacións e proteccións dos puntos de luz indicados”, explicou o concelleiro Luis Fernández.