O Concurso de Música arranca este venres o programa do San Ramón
A cita, a partir das 20:30 na Praza da Constitución, decidirá o gañador do certame.
O Concello de Vilalba celebra este venres, 19 de agosto, o I Concurso de Música Local ás 20:30 na Praza da Constitución, con nove actuacións en directo. A iniciativa, impulsada dende a concellería de Cultura, busca apoiar as propostas musicais do municipio, divulgando e dando a coñecer os seus traballos, ademais de premiar a súa creatividade e innovación.
Esa noite, o xurado decidirá o grupo ou artista gañador, quen recibirá un premio de 1.000 euros, ademais da oportunidade de gravar en estudo a súa peza musical e un videoclip. O segundo clasificado recibirá un premio de 500 euros.
Este venres, actuarán os seguintes grupos: Lambe Lambe, cunha mestura de rumba e muiñeira; a Banda de Gaitas Mato Vizoso, coa “Xota de Vilalba”; o grupo Corredores de Sombra, cunha peza baseada nun poema de Agustín Fernández Paz; e Crzy, cunha proposta de música urbana.
Tamén participan na final o Dúo Estrellas, cun tema dance en galego; Irmandades do Falo, cunha proposta cun toque humorístico; Oxygeno, cun tema encadrado na música ambient; Roberto Gayoso, cunha canción de rock clásico; e Tapioca Pudding, enmarcado no lo-fi.
O xurado fórmano varios profesionais vencellados ao mundo musical, como Dani Veiga, músico vilalbés que actualmente ocupa o cargo de director da Asociación Cultural Banda de Música de Vilalba, entre outras responsabilidades no mundo musical.
Tamén integran o xurado Marcos Maoxu Quintela, licenciado en musicoloxía, pianista, profesor no IES Basanta Silva e músico en distintos proxectos dende os anos 80, e Isabel Vilaseco Falcón, do equipo de Culturactiva (distribuidora de música e escénicas) e especialista en produción e distribución musical cunha ampla experiencia de máis de 20 anos no sector cultural.
A concelleira de Cultura, Vanesa Siso, agradece a implicación do xurado neste certame, así como o esforzo dos participantes, “quen demostran o talento musical do noso municipio, co que o Concello está firmemente comprometido mediante estas iniciativas”.