O Concurso de tapas de Castro xa ten gañadores
O V Concurso de tapas de Castro de Ribeiras de Lea rematou con moi bo sabor de boca. O restaurante Suso coa súa tapa Crocante de salmón e gambas alzouse co primeiro premio do público con 1.249 puntos, seguido do Mariva con 1.237 puntos e a brasería Carballeira con Rulo celta e 1.224 puntos. Os premios do xurado profesional foron o da pastelería Améndoa e a súa tapa dulce Cóxegas, a brasería Carballeira e o Bar Chus.
"Esta edición tivo moitísima afluencia, moita xente, de feito, nalgún momento estabamos desbordados, e tam-én noutros tíñamos 80 tapas movéndose ao noso arredor", di Carmen, do bar Cóndor. "Houbo unha media de 900 tapas por local, incluso os que menos votos tiveron acadaron os 900 puntos, quedamos moi contentos", engade.
O xurado profesional estaba composto por Jorge Anllo, formador de servizos de restauración; Martín Mantilla, profesor de hostelaría, e Rubén García, xefe de cociña do Coto Real de Rábade.
A entrega de premios será o día 19 de abril no bar Cóndor e os gañadores dos premios foron Eloy Martínez Iglesias, de Duarría; Juan Mouriz Bello, de Castro, e Francisco Javier Castro Corbelle, de Cospeito. A comisión organizadora para o ano que vén recaerá en L&M, Mariva e Fénix, xa que van rotando nas diferentes edicións.