O concurso de videopoemas da casa museo de Manuel María xa ten gañadores

TerraChaXa | LugoXa
Sara Espiño Vaamonde e Andrea Fernández Prieto son as gañadoras da VIª edición do Concurso de videopoemas de Rosalía e Manuel María
GANADORES CONCURSO VIDEOPOEMAS 2023 CASA MANUEL MARIA
14 Maio 2023

Sara Espiño Vaamonde, co videopoema No craustro, e Andrea Fernández Prieto, co videopoema Tristura, son as gañadoras da VIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María.

Sara Espiño Vaamonde, do IES n.º1 da Estrada, co videopoema No craustro, e Andrea Fernández Prieto, do Colexio Esclavas da Coruña, co videopoema Tristura, son as gañadoras da VIª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Os premios foron entregados, na mañá deste sábado, durante o acto que se celebrou en Outeiro de Rei e en que se expuxeron os traballos finalistas desta edición.

O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, premiou o videopoema No craustro, de Sara Espiño Vaamonde, “porque cunha excelente escolla de poemas que encadeados conseguen a harmonía necesaria para o relato, un bo ritmo de montaxe, a escolla do branco e negro e a da personaxe en escorzo que nos guía transmitindo unidade e consistencia, logra un potente resultado visual ”. Canto ao outro videopoema gañador, Tristura, de Andrea Fernández Prieto, o xurado xustifica o premio “porque cunha narración excelente do poema, ritmo adecuado, plasticidade no tratamento da imaxe de creación propia, e a representación creativa do poema potenciando as sensacións, consegue unha intensa metáfora visual”.

Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Nesta sexta edición que se cerrou no día de hoxe contou con participantes de centros educativos de Lugo, A Estrada, Tomiño, Cervo, Monforte, Neda, Poio, Marín, Negreira, Pontevedra, Nigrán, Narón, A Coruña, Sarria, Cuntis, Porriño, Portas, Cea e Oleiros.

0.20302677154541