O Consello da Xunta aproba o investimento para a mellora da rúa Curros Enríquez en Cospeito

O Consello da Xunta autorizou este luns o acordo co Concello de Cospeito para financiar conxuntamente as obras de ensanche e mellora da rúa Curros Enríquez, no lugar da Feira do Monte, que teñen un orzamento de preto de 520.000€ (518.391€).
O acordo enmárcase no Plan Hurbe, o programa impulsado polo Goberno galego co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, de xeito especial humanizacións e mellora de espazos e equipamentos públicos.
A través desta colaboración, executaranse as obras de ampliación e mellora da pavimentación desta rúa da parroquia de San Xoán de Sistallo, localizada na contorna de protección de Cruceiro do Monte e da Ermida do Monte, e que entronca coa estrada autonómica LU-111.
O proxecto ten así como obxectivo a ampliación da plataforma da rúa e o reforzo do firme, incluíndo o soterrado dos servizos aéreos e a inclusión da drenaxe.
O Goberno galego cofinanciará nun 70 % estas intervencións, cun investimento de case 363.000 euros (362.873), e contratará e executará as obras. Pola súa banda, o Concello de Cospeito achegará o 30 % restante do custo das actuacións (155.517€), realizará as xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.
A través de liñas de colaboración cos concellos como o Plan Hurbe, a Xunta contribúe a promover o desenvolvemento das vilas e núcleos rurais da comunidade autónoma como motores de dinamización ao converterse en puntos de localización dun importante número de servizos públicos e privados que permiten achegar o modelo urbano a todo o territorio.
O convenio autorizado polo Executivo autonómico, que permitirá acometer e incorporar ao patrimonio público municipal as actuacións, producirá efectos a partir da data da súa sinatura e estará vixente ata o 31 de decembro de 2026.