O Consello de Maiores de Momán visita o Museo Mineiro de San Finx en Lousame

Un total de 35 integrantes do Consello de Maiores de Momán, no municipio de Xermade, realizaron o pasado martes 24 unha visita cultural ao Museo das Minas de San Finx, situado no concello coruñés de Lousame. O grupo estivo acompañado polo seu párroco e representante legal, Luis Ángel Rodríguez Patiño.
Á súa chegada, foron recibidos polo alcalde de Lousame, Esteban González Patiño, quen lles deu a benvida e agradeceu o seu interese por coñecer un dos enclaves máis relevantes do patrimonio industrial galego. O rexedor ofreceu unha breve explicación introdutoria sobre a historia da mina e salientou a importancia de conservar e divulgar este legado histórico.
A visita estivo guiada pola xeóloga Maite, natural da zona e estudosa do patrimonio mineiro de Lousame, que participou en traballos de investigación xunto a especialistas de Galicia e León en colaboración coa Universidade de León. Durante o percorrido, explicou con detalle a orixe da explotación, o significado do nome de San Finx e a evolución histórica da actividade mineira.
Un dos momentos máis destacados da xornada produciuse diante da gran maqueta do complexo mineiro, que permite visualizar a rede de galerías subterráneas e comprender o funcionamento interno da explotación. Nese punto, as persoas asistentes coñeceron datos históricos sobre os traballadores, as duras condicións laborais e o papel desempeñado por empresas inglesas, así como o interese alemán durante a Segunda Guerra Mundial.
As Minas de San Finx acadaron especial relevancia na primeira metade do século XX pola extracción de estaño e, sobre todo, wolframio, un mineral estratéxico empregado na industria armamentística. Durante a coñecida “febre do wolframio”, a mina viviu un dos seus períodos de maior actividade, converténdose nun motor económico para a comarca.
Tras a explicación técnica, o grupo asistiu á proxección dun audiovisual nunha das salas do museo, no que se detallan os distintos espazos, obxectos e maquinaria conservados. A visita concluíu cun percorrido por varias dependencias exteriores do antigo complexo mineiro, hoxe restauradas e integradas no conxunto museístico.
A xornada resultou moi enriquecedora e foi altamente valorada polas persoas participantes, que puideron achegarse a unha parte fundamental da historia industrial de Galicia e compartir unha experiencia cultural nun contorno de grande valor patrimonial. Esta viaxe didáctica e académica foi financiada polo Concello de Xermade a través do seu programa de subvencións destinadas ás asociacións do municipio.