O Consello Galego aproba a concentración parcelaria en Moncelos

TerraChaXa
O Consello da Xunta aprobou a declaración de utilidade pública a concentración parcelaria de Santiago de Moncelos (Abadín).
santiago de moncelos concentracion parcelaria
16 sep 2022

O Consello da Xunta aprobou na súa xuntanza semanal tres decretos da Consellería do Medio Rural polos que se declaran de utilidade pública as concentracións parcelarias de Santa María de Almoite (Baños de Molgas), Santa María de Bemil (Caldas de Reis) e Santiago de Moncelos (Abadín). Deste xeito, mediante a reestruturación global dunhas 2.333 hectáreas relativas a estes tres procesos, veranse beneficiados máis de 3.000 propietarios.

Así, trátase de tres novos decretos de concentración parcelaria que se declaran mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción.

Neste senso, cabe sinalar que os tres procesos foron solicitados por titulares de explotacións e apoiados polos respectivos concellos. No caso da parroquia de Baños de Molgas, hai un total de 21 explotacións, na de Caldas de Reis son 62 e na de Abadín 29, de aí a necesidade de reorganizar o territorio para mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona. 

Ademais destes tres novos procesos, cabe lembrar que o ano pasado foron decretadas outras cinco parcelarias: a da zona de Arcos–Sobrada de Aguiar–San Lourenzo de Aguiar e a da zona de San Fiz de Paz, en Outeiro de Rei; a de San Xulián de Poulo, en Ordes; a da zona de San Xoán de Seoane de Pregación, en Friol; e a de Viladonga, en Castro de Rei. Foron as primeiras decretadas desde a entrada en vigor da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

Precisamente, cabe sinalar que por cada proceso finalizado (con títulos de propiedade entregados aos veciños), a Xunta decretará unha nova zona de concentración parcelaria para loitar contra o abandono das terras, anticiparse aos incendios forestais e fixar poboación no medio rural que permita facer rendible a actividade produtiva co aumento da base territorial das explotacións. Neste senso, cabe sinalar que a Xunta prevé decretar este ano outros 20 procesos. Desta forma, entre os anos 2021 e 2022 decretaranse 28 novas reestruturacións, que abarcan un total de 23.613 ha e 107.655 parcelas de 15.586 titulares

Cabe engadir que entre o ano 2020 e o que vai de 2022, a Xunta rematou un total de 22 concentracións parcelarias, que abarcaron unha superficie total de case 16.000 hectáreas, beneficiando a máis de 10.100 propietarios que recibiron arredor de 23.300 títulos de propiedade.

Lei de recuperación

As concentracións parcelarias son unha ferramenta fundamental para paliar o minifundismo presente na nosa comunidade, dende o punto de vista da estrutura da propiedade. De aí que se investisen nos distintos procesos de reestruturación máis de 118 millóns de euros dende o ano 2009, sendo o orzamento previsto para este 2022 de 12 millóns. 

Por iso, a Xunta seguirá impulsando estes procesos da man da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que veu complementar e desenvolver o marco legal actual, para culminar un camiño iniciado pola Lei da mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga). Así, na nova lei apóstase ademais por mecanismos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, as aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras. Desta forma, estase a mellorar a estrutura territorial das explotacións agrogandeiras e forestais galegas, favorecendo a súa rendibilidade.

0.17677688598633