O Consello Regulador da DOP San Simón da Costa participa na XX Cata de Queixos de Galicia
A vindeira semana terán lugar en Santiago de Compostela as catas dos meles e os queixos de Galicia 2017. Serán a XVI cata dos meles e a XX cata dos queixos e desenvolveranse entre este luns 27 e o mércores 29 de novembro no Centro Integrado de Formación Profesional Compostela de Lamas de Abade, como vén sendo habitual nos últimos anos.
A inauguración do evento contará coa presencia da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. Precisamente é o seu departamento o que organiza este certame, en colaboración cos diferentes consellos reguladores da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. Na apertura das catas deste luns está previsto que participe tamén o prestixioso chef Jacob Torreblanca, mellor mestre artesán pasteleiro de España no 2003 e propietario da pastelaría Totel en Elda e Alicante. É, ademais, fillo e colaborador do mestre Paco Torreblanca.
Nestas catas competirán un total de 29 meles, das cales 12 son monoflorais e 17 multiflorais, pertencentes a 19 industrias envasadoras, e 64 queixos, coa seguinte distribución por denominación de orixe: 25 de Queixo Tetilla, 17 de Arzúa-Ulloa, 8 de Arzúa-Ulloa curado, 9 de San Simón da Costa e 5 do Cebreiro. Os meles poderán concursar en dúas categorías; a Categoría A, que abarca calquera dos meles monoflorais (eucalipto, castiñeiro, silveira e breixo) incluídos no regulamento da IXP Mel de Galicia e a Categoría B, correspondente aos meles multiflorais.
Os queixos que se presenten a concurso serán de elaboración propia do participante e deberán ter un período de maduración, no momento da cata, de entre 14 e 21 días, nos casos do QueixoTetilla e Arzúa-Ulloa; entre 45 e 90 días para San Simón da Costa e, no caso do Cebreiro ter unha maduración mínima de 2 días. Os queixos que participen na categoría “Arzúa-Ulloa curado” será dun mínimo de 6 meses e un máximo de 15 meses.
Cata a cegas
Tanto a cata dos meles como a dos queixos farase baixo a modalidade de “cata a cegas”, que consiste en que os catadores descoñecen en todo momento a que elaborador pertence o produto que están a avaliar. Para conseguir iso, a organización establece un sistema de identificación que garante o anonimato das mostras durante todo o proceso, de xeito que os queixos e meles premiados non se coñecerán ata o día da entrega dos premios, evento xa consolidado no calendario gastronómico galego.
O panel de cata confórmase de acordo coas propostas dos consellos reguladores e do sector baixo a supervisión da Consellería do Medio Rural. Para a selección dos expertos téñense en conta criterios como a súa formación; coñecemento no sector; experiencia en catas; representación de asociacións de restauradores e catadores; ou relacionados coas seccións de gastronomía de distintos medios de comunicación galegos e estatais, e membros do panel de cata dos consellos reguladores.