O conservatorio das Pontes continuará en xuño co Mes Cultural
Por primeira vez na súa historia, o Conservatorio Profesional de Música das Pontes manterá a actividade no mes de xuño para celebrar o Mes Cultural. Malia a finalización da actividade lectiva, búscase compartir co alumnado e público xeral a paixón pola música a través de talleres, concertos, charlas e outras actividades.
Con esta programación, que se alongará desde o 7 ata o 23 de xuño, desde o Conservatorio procúrase que as persoas se acheguen a propostas interesantes e variadas que doutro modo quedarían nas aulas. Estas actividades desenvolveranse de luns a venres en horario de tarde e terán como escenario as distintas aulas e dependencias do centro.
Polo xeral, estas actividades estarán abertas a tódolos públicos, excepto aquelas que se dirixen a un alumnado concreto ou que precisen dunha formación musical previa para poder realizalas. Entre estas destacan obradoiros dirixidos á aprendizaxe do mantemento de instrumentos. Por outra banda, ofrécense para quen aínda non pertencen ao centro talleres experimentais para que se interesen polos instrumentos e as ensinanzas musicais. Entre as que destacan actividades dirixidas a bebés ou outras para que nais e pais saiban como axudar aos seus fillos e fillas no estudo musical.
A inscrición xa está aberta, é de balde e realizarase a través dun formulario que se pode atopar na páxina web do Conservatorio. O prazo para anotarse remata o luns 31 de maio. Tamén se pode atopar na web máis información sobre as actividades:
http://www.edu.xunta.gal/centros/cmusprofesionalaspontes/node/134