O Conservatorio Profesional de Música de Vilalba organiza un recital infantil o 14 de marzo

O alumnado de Grao Elemental do Conservatorio Profesional de Música de Vilalba Santiago Mato Vizoso ofrecerá o sábado 14 de marzo un recital infantil no Auditorio Municipal.
O concerto dará comezo ás 19.00 horas e permitirá que os nenos e nenas mostren ao público todo o aprendido ao longo do curso nas súas clases de música. Trátase dunha actividade aberta ás familias e á veciñanza, pensada para poñer en valor o traballo realizado polo alumnado nas diferentes especialidades instrumentais.
Desde o conservatorio animan á cidadanía a asistir a este recital, que supón unha oportunidade para apoiar aos máis novos músicos e gozar dunha tarde de música en directo en Vilalba. O evento conta coa colaboración do Concello de Vilalba.