O Consorcio de Bombeiros renova os traxes de protección

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Os efectivos dos seis parques comarcais que xestiona o Consorcio Provincial de Bombeiros contan cun novo traxe de protección.
Parque de Bombeiros de Vilalba
3 Feb 2021

Os efectivos dos seis parques comarcais que xestiona o Consorcio Provincial de Bombeiros contan cun novo traxe de protección para realizar as súas intervencións. O Presidente do Consorcio e da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, informa da adquisición de 122 traxes para os 117 efectivos por un custo de 156.138€.

Este novo equipamento está fabricado pola marca inglesa Bristol e faise en tecido PBI, que é moito máis lixeiro e soporta maior temperatura que os materiais tradicionais. Ao menor peso e ao maior nivel de protección cómpre engadir que é un traxe máis ergonómico, como xa puideron comprobar os efectivos durante o procedemento de licitación deste contrato, xa que nunha das fases de contratación incluíu probas da indumentaria nunha serie de situacións reais de traballo.

Os traxes que viñan usando ata o de agora teñen 9 anos e nalgúns casos puidéronse conservar como segundo equipamento para cando os novos estean a reparar ou se vexan alterados por calquera cuestión, así cada efectivo terá 2 equipamentos á súa disposición, concreta o mandatario provincial.

Ata o momento os bombeiros vestían un traxe de cor azul escura, e a partir de agora será de cor amarelo, un cambio debido a que esta fibra que levan os novos traxes ten esa cor natural que permite unha maior visibilidade dos efectivos e tamén a detección de calquera mancha ou deterioro no propio tecido.

O Consorcio Provincial de Lugo para Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento está formado pola Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e inclúe os parques de Monforte de Lemos, Barreiros, Chantada, Vilalba, Sarria e Viveiro. Actualmente dispón de 117 efectivos.

0.18795204162598