O Corgo, Outeiro de Rei, O Incio e As Nogais acollen homenaxes a vítimas do Holocausto

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciará a vindeira semana estes actos
soterrar-memoria-historica-lagostelle-guitiriz-franco5
24 Jan 2026

A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) iniciará a vindeira semana unha serie de actos de homenaxe ás persoas deportadas da provincia de Lugo aos campos de concentración nazis, a través da colocación de Stolpersteine en varios concellos lucenses. En concreto, os primeiros recordos terán lugar en O Corgo, Outeiro de Rei, O Incio e As Nogais, en memoria de veciños e veciñas vítimas do Holocausto.

O xoves celebrarase o acto no Corgo, dedicado a Rafael Pardo Valles, gardia de Asalto da República, natural de Laxosa, que foi asasinado no subcampo de Gusen. Ao día seguinte, o venres, a homenaxe trasladarase a Outeiro de Rei, onde se lembrará aos irmáns Aurelio e Vitorino Díaz Huertas. Aurelio foi liberado do campo de Mauthausen en maio de 1945, mentres que Vitorino perdeu a vida no campo de Gusen.

O sábado será a quenda do Incio, cun acto en memoria de Casto Martínez Parada, veciño de Trascastro, deportado xunto coa súa familia desde Angoulême ao campo de Mauthausen no coñecido como “Convoy dos 927”. A última das homenaxes previstas nesta primeira fase terá lugar o 7 de febreiro en As Nogais, onde se lembrará a Liberio Valí García, natural de Vilarín de Doncos, asasinado na cámara de gas do castelo de Hartheim, así como a Balbino Santín Aira, de Sebrás, e a Octavio López Reymondez, de Vilabol, ambos falecidos en Gusen.

Desde a ARMH avanzan que, nas vindeiras semanas, outros quince deportados lucenses serán tamén homenaxeados nos seus respectivos municipios. Estas accións enmárcanse no proxecto Stolpersteine, unha iniciativa artística impulsada en 1990 polo artista alemán Gunter Demnig, que busca lembrar ás persoas perseguidas ou asasinadas polo réxime nazi entre 1933 e 1945, con independencia da súa relixión, orixe ou sexo.

As Stolpersteine son pequenas placas de latón, de 10 por 10 centímetros, que se colocan habitualmente diante da vivenda na que a persoa homenaxeada naceu, residiu ou traballou. Nos casos nos que non é posible identificar ese lugar, instálanse en espazos simbólicos dos municipios, como pode ser a Casa do Concello.

A asociación lembra tamén que o 27 de xaneiro se conmemora o Día Internacional en Memoria das Vítimas do Holocausto, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2005, coincidindo coa liberación do campo de exterminio de Auschwitz, en Polonia, un dos maiores do sistema nazi.

⚙ Configurar cookies
0.079361200332642