O Correlingua 21 convoca un concurso musical

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A máis movida das festas do galego reinicia a súa actividade coa convocatoria dos seus concursos, comezando por Cantalingua.
correlingua 2021
19 Abr 2021

A máis movida das festas do galego reinicia a súa actividade coa convocatoria dos seus concursos, comezando por Cantalingua. No vindeiro outono desenvolveranse por todos os centros escolares galegos as festas de Correlingua, seguindo un modelo similar ao da pasada edición e mantendo todos os protocolos sanitarios precisos.

O Correlingua 21, que ten como lema Inmunízate co galego!, será similar ao celebrado o ano pasado, cunha serie de concertos espallados polos centros escolares de toda Galicia. Deste xeito, e como ocorreu en 2020, mantense o espíritu festivo de Correlingua, promóvese o uso do galego entre a xente máis nova e mantéñense as precacucións e os protocolos sanitarios por causa da COVID 19.

A convocatoria principal para estas celebracións é o Cantalingua, un concurso no que poden participar bandas e solistas en lingua galega de calquera estilo musical. As cancións deben ser orixinais, e cantadas integramente en galego. Terá especial valoración que a canción sexa especialmente creada para esta actividade. A canción deberá presentarse en formato MP3, xunto cunha presentación da banda ou solista e unha fotografía. Hai que indicar un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Todos estes datos pódense enviar ao correo correlingua@gmail.com antes do remate do 31 de maio de 2021. As cancións participantes serán publicadas na web de Correlingua e difundidas nas redes sociais para que sexan coñecidas polo maior número posible de persoas. Os gañadores coñeceranse no mes de xullo de 2021. Os concertos terán lugar entre o 18 de outubro e o 30 de novembro.

Desde agora e ata o 12 de maio, as bandas galegas poderán inscribirse nesta convocatoria que ten como premio unha serie de concertos nas festas de Correlingua das escolas de Galicia. O premio ten tamén unha dotación económica 1.000 euros por cada actuación. Ao mesmo tempo, Correlingua convoca para alumnas e alumnos os concursos para o manifesto deste ano, o concurso de banda deseñada e o concurso de vídeo. Os traballos presentados protagonizarán as distintas actividades das festas en cada escola.

Ao mesmo tempo que se abre a convocatoria de Cantalingua, o Correlingua convoca os premios para a participación dos escolares nesta festa. Como en anos anteriores, son tres convocatorias: unha para o manifesto en defensa do uso do galego, que será lido en todas as actividades do Correlingua, outra de banda deseñada e unha máis de vídeo.

0.24557304382324