O CR Fendestestas organiza no Poboado das Pontes unhas Xornadas de Tecnificación para a mocidade

TerraChaXa
Estas xornadas están orientadas á mellora das habilidades técnicas dos participantes, ofrecendo adestramentos especializados baixo a supervisión de expertos no mundo do rugby
xornadas-tecnificacion-rugby
18 Dec 2024

O Club de Rugby Fendestestas organiza os días 26, 27 e 28 de decembro unhas Xornadas de Tecnificación dirixidas a rapaces e rapazas das categorías M12, M14, M16 e M18. O evento terá lugar no campo do Poboado das Pontes en horario de 10:30 a 13:30.

Estas xornadas están orientadas á mellora das habilidades técnicas dos participantes, ofrecendo adestramentos especializados baixo a supervisión de expertos no mundo do rugby. Para poder participar é obrigatoria a licenza federativa e o prazo para inscribirse remata o 19 de decembro, con prazas limitadas.

O corpo técnico destas Xornadas de Tecnificación está formado por Rober Álvarez-Prechous, figura clave do equipo sénior do CR Fendestestas nos últimos 10 anos, con experiencia en división de honra no CR Complutense Cisneros e convocado coas seleccións españolas sub-19 e sub-20; Kiko López, adestrador do Santiago RC feminino, ex xogador e adestrador do CR Fendestestas e con titulación de nivel II do Consejo Superior de Deportes; e Otero, árbitro de categorías inferiores na Federación de Rugby de Castela e León, ex xogador do CR Fendestestas e monitor en edicións anteriores dos Fendecampus.

Os interesados poden obter máis información e realizar a súa inscrición a través da web oficial do club www.crfendestestas.com ou contactando co número 604 04 04 08.

Estas xornadas, organizadas polo CR Fendestestas e patrocinadas polo Concello das Pontes e Servizo Móbil, contan tamén coa colaboración da Deputación da Coruña.

0.12380886077881