O crecemento do virus descontrólase en Viveiro

TerraChaXa | AMariñaXa
10 Jan 2021

A situación epidemiolóxica na provincia de Lugo segue disparándose ao aumentar os casos activos en 52 nas últimas 24 horas ata chegar a 751 (onte foron 73), xa que nas últimas horas rexistráronse 71 contaxios novos (onte foron 87 máis) mentres que as altas chegan ás 6.773, 23 máis que o venres (o día anterior foron 22).

Dende que comezou a pandemia, no mes de marzo do pasado ano, hai 7.673 casos rexistrados e 146 persoas falecidas.

Volve a presión hospitalaria coa chegada da que xa se coñece como a terceira vaga. Así volven os pacientes á UCI, con dous casos no Hula e sobe en dous casos máis a hospitalización en planta con 5 no Hula, 12 no Hospital da Mariña (un máis) e 3 no Hospital de Monforte (un máis).

A situación na Mariña segue descontrolada con Xove en 107 casos xa, catro máis que onte, e Viveiro con 148, 37 máis que onte, con incidencias acumuladas por habitante, en especial en Xove, das máis altas da provincia. Na cidade do Landro están a realizar hoxe un cribado masivo da poboación polo que as cifras aínda poden seguir aumentando.

Os dous están con peche perimetral e control da hostalaría así como medidas de aforo ao estar en estado de alerta, pero non logran conter o virus.

Burela, segue sumando casos pero en menor medida. Hoxe son 45, catro máis que onte, mentres Cervo crece en menor medida, con catro contaxios máis, que fan un total de 18. No Vicedo, que durante moitas semanas estivo sen casos novos, preocupa ao chegar a 10 casos acumulados na quincena e, sobre todo, tras dar positivo un dos que serven nun dos bares da localidade.

Ribadeo diminúe pouco a pouco ata os 22 (un menos que onte). O resto de concellos mariñaos teñen moi baixa a incidencia e Lourenzá e Barreiros son os únicos onde non houbo casos novos de covid na última quincena.

No resto da provincia a situación na Pastoriza estabilízase tras detectarse un gromo na residencia de maiores, mentres Vilalba segue subindo aínda que a menor velocidade. En Chantada e Monforte están tamén certificados 16 e 22 casos, respectivamente, nos últimos días e Lugo volve estar por riba dos 100 pero en retroceso lento.

0.15615010261536