O cura de Momán e Labrada alerta do peche masivo de bares no rural e pide axuda ás administracións

Nun estudo elaborado con motivo do Día dos Avós, o cura párroco de Momán e Labrada, Luis Ángel Rodríguez Patiño, lanza unha chamada de atención sobre o abandono do rural por parte das administracións, centrando o seu foco nun símbolo esencial da vida comunitaria: os bares. Segundo denuncia, a situación é especialmente preocupante na Galicia interior, onde estes establecementos non son só negocios, "senón verdadeiros centros sociais que vertebran a convivencia nas aldeas e parroquias".
“Os bares na Galicia interior son un elemento clave na vida social e comunitaria dos pobos e aldeas. Cumpren un papel fundamental como centros de reunión e comunicación para os veciños”, sinala o sacerdote.
No seu informe, o párroco destaca varias funcións fundamentais que desempeñan os bares no rural, xa que son centros sociais, puntos de encontro para a veciñanza onde socializar e compartir o día a día; actúan como espazos de comunicación informal, onde se transmiten novas locais e información relevante; adoitan acoller eventos e celebracións, desde festas populares ata reunións familiares, e serven como refuxios cotiáns, onde tomar un café, compartir un momento ou simplemente atoparse coa comunidade.
En Momán, indica Patiño, había 23 bares e agora só queda un restaurante, xa que o asador Casabranca pechou hai dúas semanas. “Cando hai un enterro, a xente nin sequera ten onde tomar algo nin un café durante a semana”, lamenta.
Situacións semellantes repítense noutras parroquias da contorna como Xestoso —nas zonas de Val e Alto de Xestoso— onde só queda un bar por parroquia, “e os propios propietarios din que non durarán moito máis, porque non lles cobre e mátanos a impostos coma se fosen negocios da cidade”.
Ante esta situación, o párroco lanza un claro chamamento ás administracións locais e provinciais para que se habiliten axudas económicas directas para evitar o peche destes negocios. Tamén demanda que se apliquen políticas fiscais diferenciadas, como redución de impostos para os bares rurais, e que se promova o turismo interior, como forma de revitalizar a actividade económica e social nestas zonas.
Patiño conclúe que, máis alá da rendibilidade comercial, os bares no rural son infraestrutura social. “O que se perde con cada bar que pecha é un espazo de vida, de comunidade, de dignidade para quen resiste nas aldeas”, afirma.
Este estudo forma parte dun traballo universitario realizado con motivo do Día dos Avós, poñendo o foco no abandono institucional que sofre o rural e o impacto directo que isto ten na calidade de vida das persoas maiores.