O Decano da cantería


Ramón Villar Gómez, ou o que é o mesmo Ramón de Pardiñas, é escultor, neto e fillo de canteiro, aínda que non foi ata máis tarde cando decidiu coller o punteiro e a maceta para descubrir que aquel oficio herdado podía converterse nunha paixón que o acompañaría para sempre. Autodidacta, comezou a picar pedra alá polos sete anos, con curiosidade e disciplina, formándose moito máis tarde en cursos con mestres como Javier Quijada e aprendendo tamén, como di el, “a suar a camiseta” ata conseguir darlle vida á pedra.
O seu obxectivo non é a copia, senón a creación. Ramón odia as repeticións e busca que cada peza conte unha historia diferente, “que a pedra fale”. Prefire traballar con pedras duras, as máis difíciles de tallar, porque nelas atopa o reto que o motiva e a canle perfecta para expresarse. Nas súas mans, a pedra convértese en natureza, en auga, en aves que habitan a súa terra chairega, ou en personaxes que van dende os músicos de rúa ata os “santiños” de devoción popular que forman parte da memoria colectiva galega. Pero son as parellas, os namorados, os que confesa que sempre lle gustaron.
Durante anos, Ramón compaxinou outros traballos coa súa paixón pola escultura. Comezaba cedo as súas xornadas laborais e, ao rematar, pasaba as tardes enteiras picando pedra, dando forma a un estilo propio que foi medrando ao ritmo das súas obras. Algunhas delas adornan hoxe espazos do Concello de Guitiriz, deixando pegada da súa arte nas paraxes da súa terra e convertendo en esculturas os recunchos polos que transcorre a vida cotiá.
Ramón participou en feiras por todo o mundo e tamén en certames, como a Feira do Queixo, e durante anos non faltou á Feira da Cantería de Parga, un lugar no que puido compartir co público a súa maneira de entender a cantería, como disciplina que require esforzo, constancia e respecto polo material. Porén, como di el, os premios escaparon moitas veces, pero o importante era “sentirse ben co traballo feito”.
Con 78 anos, agora xa apartado da competición e lonxe da primeira fila, segue conservando a ilusión e o “gusanillo” de quen ama o que fai, sendo consciente de que a súa función agora tamén é ensinar a quen queira aprender, transmitindo un oficio e un amor pola pedra que herdou do seu pai e do seu avó, e que el mesmo fixo medrar ata convertelo nunha forma de vida.
“Darlle vida á pedra”, di Ramón, non é só un oficio nin un hobby: é unha forma de mirar o mundo nunha pedra calquera, unha ave, unha figura ou unha historia por contar. E esa historia, desde Guitiriz, segue viva en cada unha das súas esculturas.

