O delegado do Goberno comprométese con varias obras en Guitiriz
O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, comprometeuse a axilizar os trámites para abordar as diferentes demandas suscitadas pola alcaldesa de Guitiriz, Regina Polín. Estas están vinculadas coa seguridade vial, a situación dun carreiro do Camiño de Santiago e os trámites do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PGOM).
Acompañado pola subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, durante a visita, Javier Losada percorreu o tramo da nacional VI no municipio e abordou xunto á alcaldesa as posibles actuacións, como o carreiro do Camiño de Santiago entre Baamonde e San Alberte e a cesión da Casa de Peóns Camineros en Roca para Centro de Interpretación dos Camiños ou a restauración da estrada.
Relacionado coa seguridade vial, comentaron a posibilidade de construír pasos de peóns seguros á vez que se arranxa o tramo urbano da N-VI, que debe contar con beirarrúas na zona, en especial no tramo entre o parque infantil e o fin do percorrido en sentido cara á Coruña.
O delegado do Goberno, que estivo na casa consistorial para asinar o libro de ouro, interesouse pola situación do PXOM, iniciado en 2004 e aínda pendente de aprobación. Neste punto, tamén mostrou o seu interese para acurtar os prazos.