O día 1 terá lugar a Festa da Filloa de Muimenta

TerraChaXa
A Comisión organizadora da Moexmu 2018 volverá organizar un ano máis en Muimenta o día 1 de maio a Festa da Filloa, considerada de Festa de Interese Turístico de Galicia.
Cartel filloa 2018
8 Abr 2018

A Comisión organizadora da Moexmu 2018 volverá organizar un ano máis en Muimenta o día 1 de maio a Festa da Filloa, considerada de Festa de Interese Turístico de Galicia. Novamente, o lugar escollido para este evento será un ano máis o Recinto Feiral Manuel Vila no que preto de 50 filloeiros e filloeiras preparan este prato tan galego que sempre cautiva e atrae a miles de persoas a esta localidade de Cospeito.

Un ano máis, e aínda con todo o programa sorpresa á espera de que remate a edición da Moexmu, espérase una produción de 17.000 filloas, á que haberá que sumar mil quilos de costelas, que complementan o menú desta popular festa. Aínda queda por saber quen será o encargado de animar con música a festa.

Polo de pronto está convocada a XIX edición do Concurso de Debuxo e Relato Filloa 2018 e xa foron enviadas as bases aos diferentes centros escolares de primaria e secundaria de toda a comarca da Terra Chá, vinte e cinco en total.

Nesta edición os participantes terán que facer os seus traballos sobre A Festa da Filloa como único requisito aínda que terán que centrarse no décimo aniversario da declaración de Interese Turístico de Galicia outorgada pola Xunta.

Os traballos gañadores serán expostos durante a celebración de dita festa gastronómica, e os galardonados recibirán os seus premios despois do pregón da Festa o vindeiro primeiro de maio.

Espérase contar, como vén sende habitual dende o ano 2010 (data de sinatura do convenio de colaboración), con unha colaboración por parte da Universidade de Santiago de Compostela, que será entregado a un dos dezaseis premiados, premios nos que tamén se espera contar coa colaboración do Concello de Cospeito, coa Deputación Provincial de Lugo, a Delegación de Xunta de Galicia e as entidades Abanca, Caixa Bank, Sabadell Gallego e Banco Pastor, como vén sendo habitual nas últimas edicións.

A organización da Festa da Filloa recae na Asociación de Empresarios de Muimenta, a través das comisións da Moexmu, que todos os anos trae a esta localidade chairega xentes de toda a comarca e zonas limítrofes. Durante toda a xornada realizan filloas, churrasco, queimada, café e atenden á xente que se acerca ese día a xantar ata a vila.

0.17325687408447