O día 20 abre o prazo para renovar o servizo de madrugadores en Vilalba

TerraChaXa
O Concello de Vilalba informa que o prazo de matrícula e renovación do servizo de Madrugadores comeza o próximo martes, 20 de xuño.
servizo madrugadores vilalba
17 Xuño 2023

O Concello de Vilalba informa que o prazo de matrícula e renovación do servizo de Madrugadores comeza o próximo martes, 20 de xuño, rematando o 30 do mesmo mes. O servizo diríxese ao alumnado de educación Infantil e Primaria dos centros de ensino públicos de Vilalba no próximo curso 2023-2024.

O servizo de Madrugadores realizarase no CEIP Antonio Insua Bermúdez, no CEIP Manuel Mato Vizoso e na Escola de Educación Infantil de Vilalba. En total, ofértanse 60 prazas, repartidas en grupos de 20 nenos e nenas en cada centro educativo.

Con este servizo, xestionado polo Concello de Vilalba, preténdese facilitar a conciliación laboral, persoal e familiar, contribuíndo á vez á educación do alumnado inscrito. A actividade comezará ás 07:30 e rematará á hora de entrada nos distintos centros educativos.

As familias interesadas poden inscribir aos seus nenos/as como usuarios/as fixos do servizo, escollendo entre 1 día e 5 á semana. Doutra banda, aquelas familias que precisen o servizo de forma puntual (usuarios/as ocasionais) poderán empregalo con previo aviso á organización.

O alumnado xa admitido no curso anterior terá garantida a súa praza sempre e cando presente a solicitude de renovación e cumpra cos requisitos establecidos.

As familias interesadas neste servizo deberán solicitalo a través da Sede Electrónica ou nos rexistros habilitados achegando a documentación pertinente e o anexo, de renovación ou de nova matrícula, segundo corresponda. As persoas que precisen o formato ocasional deberán entregar o anexo correspondente a primeira vez que utilicen o servizo.

0.0573890209198