O día 30 celebrarase o Pleno para extinguir Suplusa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro Tallón, anunciou este xoves na sala de Xuntas do Pazo de San Marcos que convocará para o próximo luns 30 de novembro un Pleno extraordinario para extinguir SUPLUSA, tras rematar o proceso de liquidación nun tempo récord, de un ano e dous meses.
“Cando o 12 de setembro do ano pasado aprobamos por unanimidade no Pleno a disolución desta sociedade, estaba previsto que os trámites se prolongasen durante dous anos, dada a complexidade e o traballo que supón este tipo de procesos. Pois ben, hoxe, só 14 meses despois, temos todo listo para extinguir Suplusa, o que demostra o empeño e o rigor que poñemos para cumprir retos. E este non era dos fáciles”, subliñou o presidente.
Neste sentido, José Tomé agradeceu “o traballo, o esforzo e a dedicación que puxeron os deputados e deputadas que formaron parte da Comisión Liquidadora, e tamén do persoal técnico que tomou parte no proceso, tanto externo como desta casa. Un traballo que me consta que foi moito e foi complexo”.
UNANIMIDADE
“Foi, ademais, un proceso de consenso entre as tres forzas políticas da Corporación, o que creo que lle engade valor. Houbo unanimidade no Pleno de setembro do ano pasado no que acordamos a disolución de Suplusa, e houbo unanimidade na totalidade das decisións que tomou a comisión liquidadora nas 30 reunións que mantivo ó longo de todo este tempo. Unha comisión formada por tres persoas deputadas dos tres grupos políticos provinciais”, explicou o mandatario provincial.
Así mesmo, destacou que en todo este proceso “cumprimos con noso compromiso de manter todos e cada un dos postos de traballo das persoas que traballan en Suplusa e de protexer os seus dereitos laborais”.
Tomé Roca salientou que “coa extinción de Suplusa, cumprimos un acordo recollido no pacto de goberno que firmamos o PSOE e o BNG, e pechamos un capítulo que consolidará a normalidade e a tranquilidade institucional á que fomos capaces de devolver a este Deputación dende principio deste mandato. O certo é que, se ben no seu día foi unha entidade útil para a provincia, quedou desvirtuada polas disfuncións producidas nos últimos anos, nos que operou á marxe e incluso en contra da Deputación, a súa institución matriz, De feito, a Deputación retiroulle a súa condición de medio propio en marzo de 2018, co que a súa existencia xa carecía de sentido”.
FIN DO PROCESO
Nesta liña, o presidente explicou que dado que a Sociedade Urbanística Provincial é o único entre instrumental que quedaba da Deputación, coa súa extinción “poñemos fin ó proceso de reestruturación desta institución, un obxectivo recollido igualmente no pacto de Goberno, que fará esta Administración máis eficaz e máis útil para a cidadanía, e co que gañará máis control dos fondos públicos e máis transparencia”.
O mandatario provincial lembrou que, cando PSdeG e BNG chegaron á Deputación de Lugo no ano 2007, había catro entes instrumentais, creados todos eles por gobernos do PP: o Inludes, a Fundación Tor, a Fundación TIC e Suplusa. “Hoxe, non queda ningunha, Reintegramos o seu capital, os seus servizos e as súas prestacións na Deputación, fortalecendo o sector público”, apuntou Tomé Roca.
Pola súa banda, a vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, subliñou que “a disolución de Suplusa dá cumprimento a un acordo incluído no pacto de goberno e encamiñado a normalizar o funcionamento da Deputación, algo prioritario para nós cando entramos a formar parte deste executivo”.
“SUPLUSA convertérase nos últimos anos no paradigma da mala xestión e do uso das institucións e dos fondos públicos para saldar loitas internas dos partidos, e isto tivo un impacto moi negativo tanto no goberno da Deputación como na imaxe da institución”, explicou. “Coa disolución de SUPLUSA poñemos fin a esta etapa e normalizamos plenamente o funcionamento da institución, que debe estar centrada en resolver as necesidades que teñen as comarcas e que afectan á veciñanza, máis nun momento de incerteza e crise sanitaria coma este”, concluíu.
O presidente explicou que a Deputación é a sucesora universal de Suplusa, como socia única da empresa pública, polo que herda e asume todos os seus dereitos e obrigas. Onte mesmo, pola mañá, a Comisión Liquidadora reuniuse por última vez e remitiu á Deputación toda a documentación sobre a liquidación. Tamén onte, pola tarde, reuniuse a comisión técnica, integrada por persoal funcionario da Deputación (dos servizos de Secretaría, Intervención e Recursos Humanos) e por deputados e deputadas provinciais, co fin de emitir os informes técnicos necesarios para elevar ao Pleno do día 30 de novembro o acordo de extinción de Suplusa.
Tomé Roca explicou que a Deputación faise cargo dos bens inmobles de Suplusa, cun valor de taxación que ascende aos 14,3M€. Entre eles, atópanse terreos, parcelas, edificios, naves, maquinaria, medios auxiliares e vehículos, entre outros.
ECONOMÍA
Ao mesmo tempo, a institución provincial ingresará nas súas arcas uns 4,3M€, a liquidez da que dispoñía Suplusa. Esta cantidade pasará a un fondo para facer fronte ás responsabilidades e obrigas pendentes da sociedade mercantil e, si quedara algún, pasará a formar parte dos remanentes da Deputación do próximo exercicio económico.
Igualmente, a Deputación asume a prestación do servizo en termos de urbanismo, que é o único servizo que ofrecía xa Suplusa, despois de que no ano 2018 se lle retirase o de xestión dos Centros de Atención a Maiores e, a finais do ano pasado, decidísemos encargar á empresa pública Tragsa o mantemento e conservación de zonas verdes.
Ademais, a institución provincial garante e protexe os dereitos laborais dos catro traballadores que quedan en Suplusa, que segundo a proposta dos liquidadores, amparada no informe do servizo de Recursos Humanos, e unha vez aprobado polo Pleno, integraranse con carácter subrogado nos diferentes servizos da Deputación.
O presidente lembrou que xa o fixeron cos empregados de zonas verdes. “Garantímoslles o seu posto de traballo coa subrogación dende unha empresa pública, como era Suplusa, a outra empresa pública como é Tragsa, nas mesmas condicións salariais e laborais. E agora, con respecto ás catro persoas que quedan na Sociedade Mercantil ata a súa extinción, protexeremos, da mesma maneira, os seus dereitos nos termos que nos digan os informes técnicos, como sempre fixemos”.
Finalmente, Tomé Roca subliñou que “hoxe é un bo día para a Deputación porque os chiringuitos que viñan de vello pasar a ser historia. Este Goberno, como defensor do público, só pode agradecer o traballo que nos levou a conseguir este obxectivo, que sen dúbida favorece a calidade dos servizos públicos que prestamos dende esta institución provincial”.