O día 4 farán a homenaxe a Manuel Becerra na Ponte de Outeiro
Tal e como solicitou o grupo socialista de Castro de Rei, o Concello organizará unha homenaxe á figura do político, escritor e humanista Manuel Becerra Bermúdez, coincidindo co 200 aniversario do seu nacemento, na súa parroquia natal da Ponte de Outeiro.
Esta petición foi aprobada por unanimidade no pleno onde acodaron que esta homenaxe farase en recordo a esta destacada figura do século XIX no campo da matemática e a política. O acto consistirá na colocación dun monolito e unha placa que conmemora o segundo centenario do seu nacemento e que terá lugar o 4 de decembro, venres, ás 17.00 horas na área recreativa da Ponte de Outeiro.
Descartaron xa no Pleno facer algo de maior envergadura "debido á situación sanitaria actual". Paralelamente difundirase entre o alumnado nos centros educativos do municipio un libro sobre a figura deste home.
MANUEL BECERRA
Becerra Manuel Becerra foi elixido fillo preclaro e predilecto de Lugo pola Deputación no ano 1888. Destacou como Fundador do Partido Demócrata., fervente defensor da democracia, e tamén exerceu como Ministro, ata en sete ocasións. Foi diplomático co Vaticano, e conseguiu que a Igrexa xurará a Constitución de 1868.
Escritor e ensaísta, entras as súas obras destacan a obra Imperio Ibérico, que trata sobre a historia de España e Portugal. Ingresou na Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais. A súa proposta de Monarquía Federal, foi o antecedente do Estado de Autonomías. No eido educativo foi defensor a ultranza da inclusión da Educación Física como asignatura obrigatoria no Bacharelato.
Tamén presidiu o histórico Centro Galego de Madrid, promotor da celebración do San Froilán en Madrid. E as súas xestións facilitaron a construción dun Campo de Tiro de San Cibrao, a Escola Preparatoria Militar e a Escola de Artes e Oficios.