O día 5 regresa o cine de estrea ás Pontes

TerraChaXa
Desde o ano 2017 máis de 36.800 persoas espectadoras pasaron pola Casa Dopeso a gozar dos máis de 263 títulos programados
cartelera-de-cine-de-estrea-as-pontes
2 Out 2024

O cine de estrea regresa, esta fin de semana, ás Pontes, tras o descanso estival. Lorena Tenreiro, concelleira de Cultura recorda que o cine é unha das apostas culturais do goberno local con maior acollida entre a veciñanza, especialmente entre o público familiar; "desde o ano 2017, data na que lle ofrecemos á veciñanza acceso a unha carteleira actual e en formato dixital, máis de 36.800 persoas espectadoras pasaron pola Casa Dopeso a gozar dos máis de 263 títulos programados".

"Estas cifran acreditan o respaldo a esta proposta cultural e anímanos a seguir apostando por achegar á veciñanza unha programación cinematográfica, de estrea, dixital e de calidade, propia das grandes vilas e pensada para todos os públicos, na que seguiremos contando sesións para público neurodiverso ao longo de toda a tempada", engade a concelleira de Cultura.

A programación do mes de outubro arrancará coa proxección, o sábado 5 de outubro, ás 17:00 horas, do filme Gru 4, mi villano favorito que se proxectará tamén ás 19:30 horas. A proposta para o público adulto é Romper el círculo (sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas).

A seguinte fin de semana as películas que se proxectarán serán Buffalo Kids (sábado e domingo, ás 17:00 horas) e Volveréis para o público adulto (sábado, ás 19:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas).

A terceira fin de semana estarán en carteleira, para o público familiar, Héroes de Central Park (sábado e domingo, ás 17:00 horas) e para o público máis maior Bitelchús Bitelchús (sábado, ás 18:30 e 22:00 horas e domingo ás 19:30 horas).

Os días 26 e 27 de outubro será a quenda para Zak y Wowo que se proxectará o sábado e o domingo ás 17:00 horas e ás 19:30 horas. Ás 22:00 horas, para o público adulto, o título escollido é El Club de los milagros, que se proxectar tamén o domingo ás 19:30 horas.

0.14996004104614