O Día da Parroquia: San Xurxo de Rioaveso

Como é habitual, nas Festas de San Ramón e Santa María de Vilalba, homenaxease o último día a unha parroquia do concello vilalbés. Este ano, é a quenda da localidade de San Xurxo de Rioaveso, a cal, o 7 de setembro, acollerá unha celebración que combinará sesión relixiosa, música e deportes para amenizar o día dedicado a ela.
A xornada dará comezo o domingo ás 11.45 cunha recepción ata a igrexa de Santa María co grupo tradicional Cerna de Árbol e a Asociación Cultural Árdelle o Eixo como acompañamento. A continuación, terá lugar a misa solemne (12.00 horas), a cal estará cantada pola Coral Polifónica Vilalbesa.
En canto ás actuacións musicais, a orquestra Metrópoli será a protagonista da sesión vermú longa que haberá despois da misa e, un DJ encargarase de amenizar a tarde.
A maiores, aproveitarase o día, para disputar un dos partidos de Liga do Vilalbés, que vén de iniciar a tempada. Este encontro enfrontará ao Rácing Club Vilalbés e o Alondras no estadio da Madalena.
San Xurxo de Rioaveso, a cal non se pode confundir con Santalla de Rioaveso, en Cospeito, é unha parroquia de Vilalba, a cal limita coas localidades de Oleiros, Sancovade, Goiriz e Román. Dista 7 kilómetros da capital da Terra Chá e ten unha superficie de 907 hectáreas, distribuídas entre os lugares de Cacheiros, As Campelas, A Fontevella, O Margazal, A Regueira, As Torrentas, Trasfallón, Vilaester e Vilamartín.
Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2018 tiña 351 habitantes (171 homes e 180 mulleres) e en 2022 pasou a ter 332 habitantes (161 homes e 171 mulleres), repartidos en 19 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación a 1991 cando tiña 427 habitantes.

LUGARES DE INTERESE
Na parroquia, sitúanse restos dun altar dedicado a Mercurio e de establecementos rurais da época romana.
Conta cunha igrexa parroquial, en advocación a San Xurxo, a cal ten unha historia que se remonta ao século XII. Aínda que a data exacta de construción é descoñecida, foi reconstruída e restaurada varias veces ao longo dos séculos debido a desastres naturais e intervencións militares. A igrexa é un importante símbolo do patrimonio relixioso da zona e mestura elementos arquitectónicos de diferentes épocas, como o gótico, barroco e neoclásico.
Preto da igrexa, no lateral da mesma, atópase o cemiterio, de principios de século, onde todos os panteóns agrúpanse ao redor dun muro, de estilo neogótico con pináculos labrados e finalizados por unha cruz.
No lugar de Vilamartín, atopamos os restos dun pazo co mesmo nome, o Pazo de Vilamartín, un exemplar do tipo de arquitectura e patrimonio histórico galego. Trátase dunha casa construída polos Sanjurjo Montenegro, sendo o dono no ano 1688 Juan Antonio Pardo Montenegro. O edificio atópase nun recinto murado presidido polo escudo da liñaxe.
Nesta parroquia existe unha canteira de granito no Monte da Escadabada e un xacemento de mica que foi explotado durante a Segunda Guerra Mundial.
A maiores do San Ramón, Rioaveso conta coas súas propias festividades. Son polo mes de abril, na honra a San Xurxo e á Virxe das Dores. No programa deste ano, ademais dos actos litúrxicos, foron o grupo Eureka e o Combo Dominicano os encargados de amenizar o sábado e o grupo Fénix, o domingo.