O Día das Cantareiras Galegas celebrarase o 17 de maio en Cospeito

Este sábado, 17 de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, terá lugar na Casa da Cultura de Feira do Monte, en Cospeito, o Festival Día das Cantareiras Galegas. A cita será ás 20:00 horas e converterase nun espazo de encontro e reivindicación da música tradicional galega.
O evento está organizado polo grupo Beteluma Cantareiras e conta coa colaboración de Asubíos da Chaira e do Concello de Cospeito. A programación incluirá as actuacións de Asubíos da Chaira, o Grupo G Pandereteiras da Escola Cantigas e Agarimos, Lidia Lchao, Toxo Queimado e o propio grupo Beteluma.
Este festival nace co obxectivo de poñer en valor o papel das mulleres cantareiras na cultura galega e ofrecer unha homenaxe á nosa música de raíz, nunha data tan simbólica como o 17 de maio. Será unha noite para gozar da tradición, da lingua e da música que nos identifica como pobo.