O Día das Parroquias estará dedicado a San Martiño de Noche

TerraChaXa
Esta parroquia vilalbesa conta con moita historia e implicación veciñal.
vecinanza de noche
2 sep 2023

Esta parroquia vilalbesa conta con moita historia e implicación veciñal. Servirá de colofón para as festas, que se veñen celebrando desde o 23 de agosto.

A parroquia de Noche, (Nosti ou Noste) é unha parroquia do concello de Vilalba que limita coas parroquias de Boizán, Sancovade, Oleiros, Nete, Torre e Alba. Dista 5 quilómetros da capital da Terra Chá.

Sanctus Martinus de Nosti é a denominación coa que aparece mencionada por primeira vez esta parroquia en 1128 nun documento que Alfonso VII mandou escribir para intentar acabar coas constantes liortas que se producían entre os condes de Montenegro e os bispos de Mondoñedo.

Noutro documento de 1282 falase da parroquia nun convenio entre o Concello de Vilaba e o mosteiro de Santa Maria de Monfero.

Despois do concilio de Trento, ano 1563, fundouse en Noche a confraría de Nosa Señora da Candeloria.

Esta parroquia contaba no ano 2018 contaba con 227 habitantes repartidos en 116 mulleres e 111 homes.

Ten unha superficie de 567 hectáreas distribuídas nos barrios de: A Brañeira, A Casanova, Casidoiro, Covo, Escourido, Esperido, A Estrada, Fabilos, Fraga, A Igrexa, O Outeiro, A Parrocha, A Rabilonga, Ramallal, San Cibrao, Susavila, A Veigalonga e Xestas Brancas.

A igrexa parroquial de Noche, en advocación a San Martiño é un templo de arquitectura moderna, pero que conserva nas súas dependencias unha cruz de prata de finais do século XVII.

Continuando coa temática relixiosa, sen saír da demarcación da parroquia tamén podemos visitar a ermida de San Cibrán.

PERSOEIRO ILUSTRE

José Novo Cazón naceu na parroquia de Noche, en Vilalba, o 12 de decembro de 1949 e durante toda a súa vida estivo dedicado á docencia, á narrativa e á historia.

Como formación académica, licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Oviedo, onde obtivo o título con premio extraordinario pola súa cualificación académica, o que o levou a doutorarse en Historia pola mesma Universidade, comezando a súa andaina no Instituto Jerónimo Zurita do CSIC.

Así, foi tamén subdirector xeral do Libro, Bibliotecas e Patrimonio Documental da Xunta de Galicia entre 1984 e 1988, director xeral de Educación Básica da Xunta de Galicia entre 1987 e 1990, xefe do Departamento de Xeografía e Historia do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes de Lugo e o presidente do Instituto de Estudos Chairegos desde marzo de 2005, un cargo que sustentou ata o seu deceso en 2013.

Ademais de todos estes recoñecementos da súa vida laboral, tamén foi un gran veciño da parroquia de Noche, onde o lembran con tenrura e admiración, xa que el mesmo escribiu parte da historia da parroquia, das súas orixes e das tradicións que están ligadas a ela, formando parte, moitas veces, dos actos promovidos pola Asociación Recreativa e Cultural Nausti.

NAUSTI

No ano 2014 fíxose unha actividade chamada Recuperación da toponimia orixinal dos barrios da parroquia, que forma parte dunha triloxía que a Asociación Recreativa Cultural Nausti deu en chamar Quen somos e de onde vimos.

A través deste ambicioso proxecto cultural, o colectivo buscou impulsar un estudo en profundidade da historia da parroquia vilalbesa de San Martiño de Noche. O ex deputado de Cultura, Turismo, Educación, Normalización Lingüística e Patrimonio Histórico, Mario Outeiro, gabou o esforzo feito polo colectivo para realizar este proxecto. “Esta actividade supuxo un traballo inxente, xa que tiveron que implicar a todos os veciños para recompilar documentos antigos, libros e outros volumes cos que facer un estudo histórico en profundidade da evolución da parroquia, descubrindo cantos barrios formaban parte décadas atrás da localidade, como foron cambiando os nomes orixinais e coñecer a orixe da súa toponimia”, remarcou.

Lenda do Sartego de San Cibrán

O sartego é un pseudoarco de medio punto labrado nun monólito de granito. Os estudosos, como o profesor e historiador de Noche, Novo Cazón, afirman que formou parte da porta desaparecida da ermida de San Cibrán.

A lenda conta que os veciños da zona quixeron mudar de sitio a figura de San Cibrán debido a que a ermida presentaba moitas goteiras e estábase a caer o tellado. Por iso, puxéronse de acordo e, unha tarde, trasladaron o santo á igrexa parroquial de Noche. Ao día seguinte, cando os veciños foron á misa, quedaron abraiados porque o santo non estaba no lugar onde o colocaran a noite anterior, polo que, rematada a cerimonia, acordaron volver ata a ermida e observaron que o santo estaba no seu lugar de sempre. Confusos, os veciños volveron a collelo e levárono de novo á igrexa, buscándolle un sitio mellor, máis afastado e con porta, que foi pechada polos veciños para non se escapar. Porén, o santo volveu desaparecer.

Os veciños, que xa non sabían que facer, decidiron volver levar o santo á igrexa, pero por outro camiño que atravesaba un regato, pero os bois que tiraban do carro non quixeron cruzar. Embargados polo enigma, pensaron que, se levaban algún obxecto máis xunto ao santo, conseguirían manter a San Cibrán na igrexa, polo que volveron ata a ermida e colleron o arco da porta da capela. Así, ao cruzar o regato non houbo atrancos no camiño e, despois de colocar a San Cibrán na igrexa, non volveu desaparecer.

A colocación do arco da porta da capela foi, nun primeiro momento, ao carón da parede da igrexa, pero hai uns anos asentouse en cemento ao pé da porta pequena, onde se atopa sen aparente deterioro.

A este arco atribuíronselle milagres e fenómenos curadores, como por exemplo que cando un neno tarda moito en botar a andar ou en curarse dalgunha enfermidade, o sartego pode resolver o problema.

Pero o sartego constaba dun ritual relixioso no que tres mulleres, todas elas de nome María, debían levar a cabo unha serie de accións para curar a doenza dese pequeno. Unha delas collía o neno, que debía estar bautizado, e, colocada de xeonllos, pasábao por debaixo do sartego a unha das outras, mentres dicían:
– Toma María.
– Que me dás?
– Douche a … (nome do rapaz) ensartillado.
– Deus o traia san e salvo.

A terceira María, mentres tanto, contaba as veces que o pequeno pasaba por debaixo do sartego. Pola súa parte, a familia do enfermo debía agradecer economicamente á Igrexa e ás tres Marías a súa colaboración. Por último, para que funcionara, este ritual había que repetilo tres domingos seguidos e nove veces cada domingo.

mapa de noche
igrexa de noche
cemiterio de noche
cartel nausti igrexa
sartego de san cibrian
0.22144818305969