O Diario Oficial de Galicia publica a aprobación definitiva do Plan Xeral de Guitiriz

TerraChaXa
O Concello de Guitiriz está a piques de substituír as actuais normas subsidiarias vixentes desde o ano 1985 polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), do que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a aprobación definitiva.
22 Jun 2020

O Concello de Guitiriz está a piques de substituír as actuais normas subsidiarias vixentes desde o ano 1985 polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), do que hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a aprobación definitiva.
O pasado 1 de xuño a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e a directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarna Rivas, firmaron na Casa Habanera a orde de aprobación definitiva que hoxe se publica no DOG.

Este é o paso previo para a súa entrada en vigor xa que, como se indica na orde, para iso o Concello deberá publicalo no Boletín Oficial da Provincia e tamén terá que ser subido á páxina web de Planeamento Urbanístico.

A partir dese momento o Pzom será o que guie aos veciños e veciñas de Guitiriz e marque o desenvolvemento e o crecemento urbanístico da vila. Marisol Morandeira lembrou que “pouco a pouco, iremos presentando modificacións puntuais ao Plan que o farán máis completo e permitirán subsanar, dunha forma máis áxil, os aspectos nos que se atope desactualizado”.

Detalles do plan
Desde o punto de vista do solo urbano, o Plan Xeral xerará novos espazos para o desenvolvemento directo en Guitiriz e Parga. Estes executaranse a través do propio PXOM ou ben por medio de figuras interpostas como plans especiais co obxectivo de ir compactando os núcleos urbanos.

Un dos elementos máis importantes que permitirá o documento de ordenación aprobado hoxe é o recoñecemento dos núcleos. Pola tipoloxía do territorio foron lugares sumamente complicados de ordenar e, feito o traballo, agora poderán desenvolverse.

En canto ao parque empresarial, favorece a súa consolidación ampliando a superficie para que poida acoller novos proxectos. Para as zonas libres e verdes reserva 92.519 metros cadrados e, para equipamentos comunitarios, outros 49.820 metros cadrados.

O Pxom de Guitiriz supón o primeiro recoñecemento da súa singular estrutura territorial, tan achegada á comarca da Terra Cha á que pertence, desde o mundo do planeamento. Pero as súas peculiaridades non están só no que se ve como a nova ordenación dos espazos urbanos das vilas de Guitiriz ou Parga ou a regulación complexa dun sistema de asentamentos tan espallados. Quizais a achega máis extraordinaria do plan de Guitiriz estea no proceso, especialmente no que atinxe á colaboración activa dos cidadáns: este plan foi dos primeiros en implementar unha web participativa asociada a un sistema de información xeográfica en Galicia, instrumento aínda pouco usado no planeamento xeral, foi tamén dos primeiros en elaborar unha axenda 21 local asociada á súa tramitación, todo o cal implicou un coñecemento moi extenso e intenso da opinión dos habitantes do concello, a través de varias enquisas e actividades que, peneirada polos sucesivos filtros administrativos, resultou no esforzo coral como o que representa o documento que agora se aproba, tras un longo camiño iniciado en outubro de 2004.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17409801483154